O Centro de investigacións Agrarias de Mabegondo organiza a semana vindeira unha xornada sobre as variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia

En concreto, o próximo mércores 8 de setembro farase un percorrido polos últimos 23 anos de ensaios que cumpre o programa do CIAM relacionado coa avaliación destas variedades forraxeiras

O obxectivo destes ensaios é obter información sobre as características produtivas e o valor nutritivo das distintas variedades comerciais de millo forraxeiro para facerllas chegar ás explotacións galegas e que poidan mellorar a súa rendibilidade

A xornada técnica terá lugar no campo de ensaio do lugar de Fosado, no concello coruñés de Ordes, e contará tanto con intervencións como con visita de campo
 

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira unha xornada técnica sobre os 23 anos de ensaios que cumpre o programa de avaliación de variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia, desenvolvido polo propio Centro. En concreto, o evento desenvolverase o próximo mércores 8 de setembro no campo de ensaio do lugar de Fosado, no concello coruñés de Ordes. En horario de mañá, contará tanto con intervencións como con visita de campo.
Así, a xornada arrancará cunha disertación por parte de María José Bande, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e continuará cunha visita ao campo de ensaio de variedades comerciais de millo forraxeiro. Tamén está previsto que interveñan Fernando Candal, encargado agrario do CIAM, e Rafael Muíños, da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ordes.

Os interesados en asistir a esta xornada técnica poden poñerse en contacto coa súa promotora, coa investigadora María José Bande, no teléfono 881 881 848 ou no enderezo de correo electrónico mariabande@ciam.gal.

Campos de ensaio

Cómpre sinalar que o obxectivo destes ensaios é obter información sobre as características produtivas e o valor nutritivo das distintas variedades comerciais de millo forraxeiro que se venden na actualidade ou que teñen perspectivas de introducirse no mercado galego. Así, perséguese amosar os resultados obtidos tanto aos técnicos das cooperativas como aos agricultores e gandeiros, para que dispoñan dos criterios axeitados para elixir ben a variedade de millo forraxeiro a sementar en cada caso, co obxectivo final de mellorar a rendibilidade das súas explotacións.

O programa está deseñado para a realización de catro campos experimentais ao ano situados nas catro comarcas galegas con maior peso na produción de millo forraxeiro e abranguendo tamén zonas xeográficas distintas: Sarria (centro sur de Lugo), Deza (nordés de Pontevedra), Ordes (centro da Coruña) e A Mariña Oriental (nordés de Lugo).

A variedade máis axeitada en cada caso variará en función da zona, da data da sementeira, da data da colleita (normalmente ensilado) e das condicións que posúe a explotación en canto a carga gandeira ou superficie dispoñible para cultivos, podendo incluso haber diferentes variedades idóneas para distintas parcelas dun mesmo gandeiro.
Cómpre engadir que os resultados dos campos experimentais sementados publícanse anualmente nun díptico que se distribúe a través das oficinas agrarias comarcais, entre cooperativas e entre produtores particulares, ademais de estar dispoñible na web do CIAM.
 

Departamento:
C. do Medio Rural