Así o comunicou esta mañá o delegado territorial da Xunta na súa visita ao centro escolar

A Xunta anuncia a licitación das obras de mellora no IES As Lagoas por case 1,3M€ de euros

Gabriel Alén explicou que as obras comprometidas na provincia que se están licitando antes de fin de ano, como é o caso do IES As Lagoas, a Xunta destina 7,9M€

O delegado territorial sinalou que as obras comprometidas que están en execución e que se realizaron este verán, suman un total de 98 ás que se destina unha partida de máis de 2,8M€

O representante do Goberno galego subliñou que a Xunta de Galicia executa este verán un total de 557 obras en centros educativos de toda a Comunidade por importe de case 30M€, dando continuidade ao compromiso do Goberno galego coa mellora das condicións de benestar da comunidade educativa, ao abeiro por primeira vez do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Ourense, 03 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o IES As Lagoas para anunciar a licitación das obras de rehabilitación integral deste centro educativo no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir case 1,3M€; unha das actuacións previstas, ao igual que as que se van desenvolver no CEIP Mariñamansa, no CPI Plurilingüe José García García ou no IES Blanco Amor, e que recentemente a Xunta vén de anunciar a súa licitación.

Gabriel Alén destacou que as obras que se están licitando antes de fin de ano, como é o caso dos devanditos centros, supoñen un investimento por parte da Xunta de 7,9M€.

O delegado territorial tamén se referiu ás obras que están en execución e que se realizaron este verán (tanto grans de obras como melloras en patios, pequenas renovacións de fiestras, pintura, mellora da accesibilidade etc). Na provincia de Ourense levaranse a cabo 98 obras semellantes cun investimento de 2,8M.

Así mesmo, lembrou que a Xunta de Galicia culmina este ano unha decena de obras en centros educativos da provincia, entre elas a de construción do Centro Galego de Innovación da FP.

Actuacións previstas

O delegado territorial explicou que as intervencións consistirán na substitución da carpintería exterior, incluíndo persianas e caixas de persianas en toda a edificación. No illamento das fachadas do edificio primitivo, mediante inxección nas cámaras de aire, e na colocación de illamento térmico interior na totalidade da cuberta do IES.

As obras tamén contemplan a substitución e reposición dos elementos de cubrición en mal estado da cuberta non renovada, a renovación da cuberta do patio interior por una cuberta de panel sandwich e a colocación de falso teito de virutas de madeira con illamento no porche exterior en contacto coas aulas de planta primeira da zona ampliada.

Tamén se colocará o falso teito acústico rexistrable nas estancias do edificio primitivo, e acometerase a renovación da instalación de iluminación mediante luminarias de LED nas estancias do edificio primitivo.

Así mesmo, tamén se executarán actividades de reparación e pintado de paramentos e carpinterías interiores (nas estancias da zona ampliada non se pintarán as carpinterías interiores), remodelarase a sala de caldeiras, mediante a substitución dos equipos de produción a Gas Natural e colocación de captadores solares para cubrir a demanda de ACS do centro, executarase a soleira exterior na zona de patio cuberto existente na fachada norte, e a rampla de acceso ao polideportivo.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O delegado territorial explicou a Xunta de Galicia executa este verán un total de 557 obras en centros educativos de toda a Comunidade por importe de case 30M€, dando continuidade ao compromiso do Goberno galego coa mellora das condicións de benestar da comunidade educativa, ao abeiro por primeira vez do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para o deseño dos centros post-covid.

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€, configúrase como guía mestra de todas as intervencións que se están a facer nos centros educativos galegos apostando por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino, máis sustentables e máis confortables para profesorado e alumnado.

As actuacións que se están a desenvolver nos centros xiran arredor de seis eixos de actuación que son o encaixe dos centros no espazo urbano, o seu aspecto exterior, os espazos de socialización, a distribución interior dos centros, o establecemento de polos creativos (espazos maker) e a eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas