A Xunta destaca o potencial de Galicia como destino de benestar e saúde e a capacidade do termalismo para desestacionalizar a oferta turística

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no curso “Termalismo, saúde e benestar” organizado pola Universidade de Vigo

Destacou que o termalismo encaixa no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta e que permitiu obter en xullo un 80% máis de viaxeiros que en 2020

Oia (Pontevedra), 3 de setembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no curso Termalismo, saúde e benestar organizado pola Universidade de Vigo que se celebrou hoxe no Talaso Atlántico de Oia, onde destacou o potencial de Galicia no eido termal e as singulares condicións do territorio para o desenvolvemento do sector.
Tamén incidiu na capacidade do termalismo como recurso para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, ademais de contribuír ao equilibrio territorial e o desenvolvemento rural dos territorios nos que se asentan os 21 balnearios da comunidade. Nesta liña, resaltou a posición de liderado no Estado da oferta de turismo de saúde galega, tanto no que respecta ao número de establecementos como á calidade dos mesmos, con máis do 60% da oferta termal con categoría de catro e cinco estrelas.
Do mesmo xeito, sinalou que o termalismo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023. O reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade foi precisamente o que permitiu que a comunidade recibise en xullo un 80% máis de viaxeiros que en 2020. Por iso, Nava Castro resalta a necesidade de seguir consolidando no caso do turismo termal este produto turístico estratéxico que sitúa a Galicia como referente nacional e internacional que, ao igual que o resto do sector, se adaptou á situación derivada da covid coa aplicación de tódalas medidas de prevención coas que garantir a seguridade dos usuarios e a calidade do servizo.