A Colección ‘Textos e Estudos’ reforza a presenza cultural de Galicia no estranxeiro desde a rede de lectorados da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve presentaron hoxe a colección de catro libros dirixida polos profesores Pere Ferré e María Jesús Botana.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe a Colección Textos e Estudos que o Centro de Estudos Galegos (CEG) do Algarve inaugurou no 2017 co primeiro dos catro tomos que forman a serie. Baixo a dirección dos profesores Pere Ferré e María Jesús Botana, o obxectivo deste proxecto é divulgar, tanto en Portugal como no estranxeiro, temas e obras fundamentais da cultura galega reforzando a presenza cultural de Galicia entre os académicos o entre o público xeral.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou “a importancia de que os CEG leven a cabo investigación sobre a nosa lingua, literatura e cultura en xeral, porque axúdannos a ter unha visión moito máis cosmopolita e internacionalizar os nosos estudos coa fundamental achega de cada unha das universidades onde se atopan, como é o caso da do Algarve“. “Moi importante é que nesta institución académica se abrise unha colección de textos que difundan a nosa lingua e que conte con colaboradores da talla dos que asinan os libros que hoxe presentamos”, engadiu.

Canda Valentín García participaron no acto que acolleu o Pazo de San Roque, Pere Ferré –a través de videoconferencia- e María Jesús Botana, profesores encargados da dirección da colección, e os autores participantes nesta: María Carreira, Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez e Ana Paula Mejuto, esta última desde Bos Aires a través dunha videochamada.

Temas e obras fundamentais da cultura galega

O CEG da Universidade do Algarve, pertencente á Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, edita, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Colección Textos e Estudos, formada por catro volumes monográficos que recollen diferentes temas e aspectos fundamentais da cultura galega que tentan complementar todo canto poida revelar, a través de textos do pasado ou do presente, a cultura de Galicia.

O primeiro dos volumes, O Romanceiro Tradicional de Galicia, de Ana Valenciano, que inaugurou a colección no 2017, está dedicado a un xénero tradicional aínda presenta na memoria colectiva do pobo galego, o Romanceiro, abordado pola súa mellor especialista. Partindo tamén do medieval ségueo o tomo O léxico do sufrimento nas Cantigas de Santa María. Campos semánticos e campos léxicos, de Mª Jesús Botana Vilar. A profesora e codirectora do proxecto partiu dunha abordaxe filolóxica-literaria para analizar o léxico afectivo na opera magna do Rei Sabio e deitar luz sobre unha das obras máis relevantes da nosa lírica medieval.

A escritura que ilumina. O legado epistolar de José Mejuto Bernárdez (Preso antifranquista, 1936-1939), da coautoría de Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto, neta do protagonista, uniuse á colección o pasado 2020 para presentar un estudo das 36 cartas que José Mejuto lle escribiu á familia nos primeiros meses da Guerra Civil. Esta obra permítenos achegarnos non só ás vivencias do seu protagonista, senón tamén á realidade dos milleiros de presos republicanos que, coma el, atoparon a morte nos cárceres franquistas.

O cuarto e último libro que completa esta serie, Transcendencia e cidadanía. Estudo mitocrítico dos relatos de X.L. Méndez Ferrín, de María Carreira López, constitúe unha análise dos eixes semánticos profundos que alentan os relatos ferrianos e que irradian sobre toda a súa obra.

Imaxes relacionadas