Fabiola García explora coa alcaldesa de Ponteareas fórmulas para mellorar os servizos públicos municipais desta vila

Na reunión abordaron a situación da residencia de maiores de Santa Ana e da escola infantil do Concello

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, abordou posibles fórmulas para mellorar os servizos públicos municipais que se prestan aos veciños de Ponteareas nunha xuntanza coa alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Na reunión abordaron a situación da residencia de maiores municipal de Santa Ana e acordaron buscar vías de financiamento para mellorar as instalacións deste centro, con 32 prazas. A Xunta colabora con esta residencia municipal a través dunha achega anual de preto de 500.000 euros, cos que se sostén o seu funcionamento diario.

Ademais, a conselleira e a alcaldesa tamén analizaron as posibilidades de mellora da escola infantil municipal de Ponteareas. Fabiola García ofreceu explorar conxuntamente as opcións para habilitar unha zona da escola que nestes momentos se atopa sen uso e que, tras unhas obras de adecuación, podería incrementar a oferta de prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos.

Imaxes relacionadas