A Xunta impartirá a semana que vén no CFEA de Monforte de Lemos dous cursos sobre modelos silvícolas e boas prácticas forestais

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, as accións terán lugar o vindeiro martes 7 e xoves 9 de setembro

Con elas perséguese promover unha xestión forestal sostible e a mellora do estado silvícola dos montes galegos

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a vindeira semana dous cursos sobre modelos silvícolas e boas prácticas forestais no CFEA de Monforte de Lemos. Ambos cursos serán en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas e terán lugar o martes 7 e xoves 9 de setembro.

O obxectivo desta formación é promover unha xestión forestal sostible conforme á normativa europea e mellorar o estado silvícola dos montes da nosa comunidade. Así, no programa constan contidos sobre as especies obxecto dos modelos silvícolas ou de xestión forestal, sobre os métodos e características das actuacións silvícolas, sobre os modelos silvopastorís ou pascícolas e sobre boas prácticas forestais, con casos prácticos.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.estrella.rodriguez.rodriguez@xunta.gal. Para consultar calquera dúbida, o teléfono de contacto da coordinadora da iniciativa é o 982889102.

Guías técnicas

Cabe lembrar que a Xunta publicou o pasado mes de febreiro a orde do DOG de modelos silvícolas e de xestión forestal, que recolle 38 guías técnicas de sinxela aplicación para o manexo sustentable das principais especies, recursos e servizos que subministran os bosques galegos. Trátase dun abano amplo para fomentar unha aplicación práctica das políticas de descarbonización, neutralidade climática e bioeconomía, así como os principios de xestión activa, adaptativa, participada ou próxima á natureza. Ademais, con esta medida impúlsase a valorización do monte e de todos os seus produtos forestais como as resinas, as cortizas, os piñóns, as castañas, os cogomelos ou o aproveitamento pastoril en terreos forestais desarborados, entre outros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural