A Xunta imparte mañá no Concello das Pontes de García Rodríguez un novo curso de iniciación á apicultura

Esta acción formativa celebrarase en tres xornadas, en horario de mañá, os días 4, 5 e 11 de setembro na Casa do Mel de Goente

Trátase da segunda edición deste curso no concello, que tivo moi boa acollida entre os asistentes

O obxectivo principal deste curso é facilitar a entrada neste sector de apicultores adecuadamente formados e fomentar a competitividade e a eficiencia das explotacións

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), impartirá un curso de iniciación á apicultura no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez. Esta acción formativa comezará mañá, sábado, en horario de mañá (9:00 a 14:00 horas) na Casa do Mel de Goente e terá outras dúas sesións os días 5 e 11 de setembro.

O obxectivo principal deste curso é facilitar a entrada neste sector de apicultores adecuadamente formados e fomentar a competitividade e a eficiencia das explotacións. Así, búscase garantir unha xestión sustentable dos recursos naturais impulsando o desenvolvemento de pequenas explotacións economicamente viables. Nesa liña, quérese fomentar a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.

O programa formativo, que consta de 6 horas teóricas e 9 prácticas, abordará primeiramente a bioloxía do enxame en relación ao apicultor e á colmea, tratando a maquinaria para a elaboración dos diversos produtos e os tipos de colmeas, entre outras cuestións. Tamén se falará da instalación do apiario e do manexo das colmeas e multiplicación de núcleos, a saúde das abellas e os obxectivos produtivos nunha explotación apícola. A maiores, tratarase a calidade do mel e o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, a normativa sobre a ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas galegas e sobre a venda directa de produtos primarios, así como a prevención de riscos laborais na apicultura.

Cabe engadir que o curso está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Así, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector apícola neste caso e do sector agrícola e forestal en xeral tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas