Sanidade presenta o proxecto audiovisual 'A receita galega', que aborda as claves do envellecemento activo na nosa Comunidade

Neste documental, amósanse os hábitos de vida e a rutina dalgunhas persoas lonxevas con moi bo estado de saúde e, ao mesmo tempo, establécese un contraste coas achegas dun grupo de expertos en materia de envellecemento

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, presentou hoxe, na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), o proxecto audiovisual “A Receita Galega”, que ten como obxectivo a promoción dun envellecemento activo e saudable. Trátase dunha iniciativa en formato microdocumental rodado a comezos deste ano entre as cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Quintela de Leirado, que pretende abordar as claves do envellecemento activo en Galicia.

Neste documental, amósanse os hábitos de vida e a rutina dalgunhas persoas lonxevas con moi bo estado de saúde e, ao mesmo tempo, establécese un contraste coas achegas dun grupo de expertos en materia de envellecemento. É, por tanto, un proxecto de actualidade que aborda diversos aspectos como a actividade física, a alimentación, o sono e aspectos psicosociais de interacción coas persoas e co entorno.

Logo da proxección do documental, tivo lugar un coloquio sobre o exposto no mesmo e a promoción dun envellecemento activo e saudable, no que participaron expertos na materia como Sara Marsillas Rascado, investigadora da Fundación Matia Instituto; Eduardo Carballeira Fernández, profesor en Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña; e Xermán Bugallo Sanz, médico residente de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que colaborou no deseño e realización do documental.

O acto foi retransmitido en directo pola canle de youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e estivo moderado pola subdirectora xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saúdables da Consellería de Sanidade, Silvia Suárez Luque.

Pode ver o webinario na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=pOEH8mkIbcA&ab_channel=ACISAxenciadeCo%C3%B1ecementoenSa%C3%Bade

Imaxes relacionadas