A Xunta apoia a nova programación do Teatro Principal de Ourense no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A través deste circuíto organizado en colaboración coas administracións locais chegarán ao escenario ourensán sete novos espectáculos

A produción do Centro Dramático Galego O charco de Ulises inclúe a cidade das Burgas na súa xira, onde estará tamén a coprodución A lúa vai encuberta

Ourense, 2 de setembro de 2021

A Xunta apoia a nova temporada do Teatro Principal de Ourense con diversos espectáculos de teatro e danza que se desenvolverán desde mediados deste mes ata decembro. Así o anunciou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou na rolda de prensa de presentación de toda a nova carteleira semestral deste escenario.

Nun acto compartido co vicepresidente segundo da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández, e coa directora do Teatro Principal, Olga Mojón, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que parte desta programación enmárcase no calendario da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), organizado en colaboración coas administracións locais. No caso da cidade das Burgas, as pezas seleccionadas ofrecen diversas propostas de artes escénicas para todos os públicos, que combinan producións galegas e doutros territorios.

A primeira destas funcións representarase o 17 de setembro, coa produción madrileña Principiantes, protagonizada polo actor galego Javier Gutiérrez. A actividade continúa en novembro con teatro galego, con Cigarreiras, de Contraproducións, “que se estrea este mesmo mes no Teatro Rosalía da Coruña e que será sen dúbida un dos principais reclamos da temporada”, apuntou o director da Agadic, “con Cándido Pazó á fronte desta posta en escena a partir da novela A tribuna de Emilia Pardo Bazán”.

Tamén en novembro haberá danza, con Pioneras, de iXa Universos de Movemento, compañía da que forma parte o galego Xián Martínez e que participou no programa da Xunta Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio, desenvolvido durante este verán en 27 lolcalizacións singulares galegas.

Por outra bandaJacobo Sutil salientou as montaxes dirixidas ao público infantil e familiar, previstas para decembro, e que inclúen Pinocchio, de Ghazafelhos, Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2 emocion&arte, e o espectáculo de danza Nina Ninette, de Paula Quintas. A elas súmaselles Quixote, de Pedras de Cartón, recoñecido co Premio Certame Barroco Infantil no prestixioso Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.

Tamén o CDG

Destaca tamén a representación no Principal de Ourense da produción do Centro Dramático Galego (CDG) O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso e que foi estreada en Compostela o pasado xaneiro. A función terá lugar o 12 de novembro.

Previamente, xa a vindeira semana, os días 10 e 11, chegará ao espazo ourensán a coprodución do CDG A lúa vai encuberta, obra gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

Ademais, a Xunta é unha das entidades colaboradoras do Festival Internacional de Teatro de Ourense, que se desenvolverá do 13 ao 24 de outubro, e do concerto de Cracker, previsto para decembro no marco do ciclo Xacobeo Importa.

Dinamización da escena galega

Na súa intervención, o director da Agadic salientou o carácter dinamizador na escena do país que exercen tanto a Rede Galega de Teatros e Auditorios como o Centro Dramático Galego. Canto á primeira, apuntou que encara o segundo semestre do ano con 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e “pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros”, engadiu.

Este segundo período de programación implicará a contratación global de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos. Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22.

Imaxes relacionadas