A Xunta conclúe o trámite ambiental do proxecto de interese autonómico para ampliar o polígono de Bueu

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático non prevé efectos ambientais significativos polo que descarta sometelo a avaliación ordinaria

A ampliación deste parque en case 200.000 m2 está recollida no Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia e tamén no PXOM municipal

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia acaba de rematar a tramitación ambiental do proxecto de interese autonómico do parque empresarial de Castiñeiras, no concello de Bueu, que permitirá redelimitar o ámbito e establecer a ordenación detallada da súa futura ampliación, prevista no Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia e no propio PXOM municipal.

En concreto, a actuación afecta a unha zona contigua ao polígono xa existente na que se inclúen tres recintos descontinuos localizados ao norte, leste e oeste da área empresarial e que suman 188.123,15 metros cadrados.

No proxecto de interese autonómico reaxústase o devandito ámbito para conformar un recinto único cunha superficie total de 192.996,69 metros cadrados que bordean o parque de Castiñeiras. Esta reestruturación realízase atendendo a distintos condicionantes ambientais e topográficos así como ás afeccións sectoriais identificadas.

Por todo o exposto e tal e como se recolle no informe ambiental estratéxico (IAE) do proxecto —que segundo o anuncio publicado hoxe no DOG xa se pode consultar na web da Consellería—, non se esperan efectos ambientais significativos derivados da ampliación, polo que se descarta sometelo a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

En todo caso, o IAE establece unha serie de determinacións que deberán respectarse á hora de executar o futuro desenvolvemento industrial, como garantir o abastecemento e o saneamento das augas residuais e a xestión das pluviais, incorporar ao proxecto un estudo da paisaxe ou engadir un apartado relativo á protección do patrimonio cultural.

A ampliación deste polígono virá reforzar a oferta de solo industrial na comarca pontevedresa do Morrazo, habilitando deste xeito terreos axeitados e con todos os servizos á disposición das empresas interesadas en asentarse ou en expandir as súas actuais instalacións nesta zona.