A Xunta executou obras de acondicionamento na escola infantil Sagrado Corazón de Lugo por importe de 25.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, revisou os traballos realizados no centro de cara ao vindeiro curso, que comeza o 6 de setembro

A Consellería de Política Social está a ultimar os preparativos para o reinicio da actividade nas escolas públicas de titularidade autonómica

Lugo, 2 de setembro de 2021

A Xunta vén de executar obras de acondicionamento na escola infantil Sagrado Corazón de Lugo, nas que investiu arredor de 25.000 euros para mellorar servizos e corrixir deficiencias derivadas do paso do tempo.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, revisou hoxe os traballos realizados de cara ao vindeiro curso, entre os que destacan as intervencións na cociña -instalación dun novo quentador e mellora do illamento da cheminea- e a renovación do chan das galerías. Tamén se fixeron pequenas actuacións de acondicionamento na aula de bebés, mudáronse zócalos e equipouse cunha ducha a sala de armarios do persoal.

Arias salientou que a Xunta estuda as necesidades dos centros para programar de forma periódica obras de mellora e mantemento e, nese sentido, lembrou que no Sagrado Corazón investíronse 42.000 euros no ano 2019 para renovar as carpinterías exteriores co fin de aumentar a eficiencia enerxética desta escola, que conta con 124 prazas.

Inicio de curso

O delegado apuntou que a Consellería de Política Social está a ultimar os preparativos de cara o inicio do curso escolar 2021-22 en todos os centros públicos de titularidade autonómica, que retoman a actividade o vindeiro luns 6 de setembro. Ademais, lembrou que un ano máis nas escolas infantís de 0 a 3 anos, se aplica a gratuidade para os segundos fillos ou fillas e sucesivos.

O Goberno galego adaptou o protocolo actual ao novo escenario que estamos a vivir, no que a maior parte da poboación xa está vacinada e no que o coñecemento sobre o virus é maior.

Entre as novidades deste protocolo atópase a posibilidade de deixar o carriño dentro da escola, que os máis pequenos poidan empregar o calzado que traen da casa ou que poidan coincidir varias unidades estables de convivencia no exterior. Ademais, hai outras medidas que se manterán como a ventilación de espazos, a desinfección de mans ou o uso máscaras para os profesionais.

Arias puxo en valor o labor que desenvolveron as escolas infantís o curso pasado e agradeceu a dedicación dos profesionais e a implicación das familias, “que fixeron todo o posible para traballar coa máxima normalidade e garantir a seguridade sanitaria nun escenario de pandemia”, concluíu.

Imaxes relacionadas