Preto de 8.200 persoas do concello de Ourense xa descargaron o Bono Activa comercio da Xunta de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, reuniuse esta mañá con representantes do sector na cidade ourensá para avaliar as iniciativas postas en marcha desde o Goberno galego

A Administración autonómica concedeu o pasado ano axudas de preto de 163.000 euros a asociacións e federacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos e empresas do concello ourensán para dinamizar o sector

Ourense, 1 de setembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, mantivo esta mañá unha reunión coa Federación de Comercio de Ourense e o CCA Ourense Centro para analizar as necesidades actuais do sector na cidade e valorar o impulso das iniciativas levadas a cabo polo Goberno galego para axudar na recuperación económica do comercio na zona. Así, Heredia referiuse ao Bono Activa Comercio, un proxecto de dinamización das vendas de proximidade que conseguiu xa máis dun millón de euros de mobilizado no concello e 2,4M€ no total da provincia.

Na súa visita esta mañá á cidade, o director de Comercio e Consumo achegouse á libraría La Viuda, un dos 357 establecementos adheridos a esta campaña no concello de Ourense, onde xa son 8.196 as persoas que descargaron o bono de desconto por valor de 30 euros. A día de hoxe, máis de 190.800 galegos contan con este vale, dos que máis de 25.300 usuarios son da provincia de Ourense. Así mesmo, os clientes que aínda non conten co seu bono poden rexistrarse na web bonosactivacomercio.gal e descargalo ata o próximo 31 de outubro.

A iniciativa, posta en marcha desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego posto en marcha pola Administración autonómica.

En concreto, a Xunta de Galicia destinou o pasado ano preto de 163.000 euros a distintas axudas destinadas a asociacións e federacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos e empresas do concello de Ourense para levar a cabo programas de dinamización das vendas, dixitalización, modernización e comercio en liña, así como iniciativas de ecoinnovación.

Imaxes relacionadas