Feijóo e o alcalde de Porto do Son avanzan a colaboración en proxectos para o concello, como o novo CEIP en Portosín e un novo centro de saúde

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, analizaron hoxe distintas vías de colaboración para avanzar en importantes proxectos para o concello, entre os que destacan o novo CEIP en Portosín e un novo centro de saúde neste concello do Barbanza.

No tocante ao colexio, o titular da Xunta recordou que en xullo deste ano rematouse a tramitación ambiental, e nestes momentos estase cos trámites previos para facer realidade esta infraestrutura.

Así mesmo, confirmou que o novo cetro de saúde, que está pendente de que o concello identifique e ceda a parcela, será prioritario para a Administración Autonómica, co obxectivo de mellorar a asistencia sanitaria dotándoo dun novo equipamento máis moderno, accesible, eficiente e con mellores prestacións.

Feijóo e José Luis Oujo aproveitaron o encontro para avaliar tamén as actuacións que se están a levar a cabo na fachada marítima desde agosto de 2020, co fin de realizar unha remodelación integral que permita a creación de amplas zonas atractivas para a veciñanza, ao tempo que se facilita o traballo das persoas usuarias do peirao.

Sobre este punto, o presidente autonómico subliñou que, actualmente, están en execución as obras de construción do novo edificio de servizos portuarios, a urbanización da súa contorna e a súa pavimentación.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta