O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu hoxe á primeira xornada do festival que arrancou coa inauguración da rúa efémera en homenaxe á actriz

Valentín García refírese a Pilar Pereira como unha das imprescindibles para a normalización lingüística desde o sector audiovisual e o teatro

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén participou na entrega dos premios do Concurso de Curtas Senda dos Faros

O Goberno galego apoia un ano máis esta cita co audiovisual que se desenvolve ata o 4 de setembro no concello do Porriño

O Porriño (Pontevedra), 1 de setembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe nunha das primeiras actividades do Festival de Cans coa inauguración da rúa efémera de Pilar Pereira, de quen destacou que foi “unha das imprescindibles no proceso de normalización lingüística desde o sector audiovisual e desde o teatro”.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade participou no acto de homenaxe á actriz compostelá que consistiu na descuberta da nova placa que acolle a rúa efémera e que se une á do homenaxeado na edición anterior, Chano Piñeiro. A actriz, que finou no 2020, é coñecida popularmente polos seus papeis en televisión en series como Mareas Vivas, Rías Baixas ou a Familia Pita aínda que dedicou a meirande parte da súa vida ao teatro.
“Un dos rostros máis coñecidos das series en lingua galega, un exemplo e un compromiso coa lingua propia de Galicia que Pilar Pereira plasmou ao longo da súa frutífera traxectoria”, engadiu. O obxectivo desta iniciativa é seguir dedicando cada ano unha nova rúa a persoeiros do audiovisual galego de maneira que durante os días que se celebre o festival as estradas da vila de Cans leven os seus nomes.
Canda o representante da Xunta tamén estiveron presentes neste acto a actriz Camila Bossa, filla da homenaxeada; Isabel Blanco, en representación da fundación AISGE (Actores e Intérpretes, Sociedad de Gestión de España), e Alfonso Pato, director do festival.

Proxección de curtas e entrega de premios escolares

No marco da programación do festival tamén se proxectaron as pezas gañadoras do Concurso de Curtas Senda dos Faros, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Valentín García entregou o primeiro premio, un cheque de 1000€ para material audiovisual ou literario en lingua galega, ao representante do IES Plurilingüe A Cachada (Boiro, A Coruña) pola súa curta Sálvora. O segundo e o terceiro premio, de 600 e 400 € respectivamente, foron entregados polo delegado en Galicia de Energías de Portugal Renováveis (EDPR), Juan Rey Couselo, e polo director do festival, Alfonso Pato, para os IES Monte Neme (Carballo, A Coruña), polo seu traballo De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos Ingleses a Camariñas e para o Conservatorio de Música Xan Viaño (Ferrol), pola curta A melodía do faro.

Este certame é unhas das iniciativas programadas para promover a Senda do Litoral Galego, un itinerario de interese paisaxístico contemplado nos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia, e fomentar o usa da lingua oral entre a mocidade través do emprego das TIC. Malia as dificultades impostas pola pandemia, chegaron a participar 18 centros educativos con 24 vídeos en lingua galega de gran calidade.

Apoio ao audiovisual

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoia un ano máis este encontro a través dunha liña específica de subvencións a festivais audiovisuais, que este ano incrementou o seu orzamento ata os 200.000 euros. O Festival de Cans chega así á súa 18º edición, que se desenvolve entre os días 1 e 4 de setembro, adaptado ao contexto derivado da crise sanitaria e cun amplo programa para todos os públicos que se achega ás edicións precovid.

Imaxes relacionadas