Ethel Vázquez destaca o novo acceso á estación de autobuses como a peza clave da intermodal de Pontevedra e avanza que o vindeiro outubro estará concluído o novo espazo público arredor do río Gafos

Vázquez Mourelle salienta que a posta en servizo hoxe do acceso desde a avenida de Josefina Arruti libera o tránsito de autobuses da rúa Estación e mellora o itinerario peonil de conexión coa estación de tren

Indica que acceso contribúe a xerar unha gran praza na entrada da estación, na que se reordenan os aparcamentos e desde a que se accede á terminal de Renfe

Concreta que esta apertura permite liberar os marcos do encauzamento do río Gafos e destapalo, gañando un espazo público de valor ambiental para a cidade

Pon en valor a aposta da Xunta polo transporte público, coa activación da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no autobús interurbano

 

Pontevedra, 1 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca o novo acceso á estación de autobuses como a peza clave da intermodal de Pontevedra e avanza que o vindeiro outubro estará concluído o novo espazo público, de grande valor ambiental, arredor do río Gafos.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, supervisou hoxe o avance das obras desta área intermodal.

Salientou que a posta en servizo hoxe do novo acceso á estación de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti, supón colocar a peza central deste proxecto estratéxico para Pontevedra que está a executar a Xunta.

Indicou que se trata de crear un gran centro de transporte público mediante unha completa remodelación da estación de autobuses e coa optimización da súa conexión coa terminal de ferrocarril, para facilitar un intercambio áxil e seguro entre o tren e o autocar e viceversa.


Cómpre lembrar que as obras do conxunto intermodal están a ser executadas pola Xunta cun investimento de case 6 M€, no marco dun convenio de colaboración co Concello de Pontevedra, que achega preto do 25% do financiamento. Esta actuación está cofinanciada con Fondos FEDER.

No marco deste proxecto, a conselleira fixo fincapé na oportunidade de facer cidade, reordenando e poñendo en valor o espazo urbano. Así, para conseguir eses obxectivos, é clave o acceso de entrada e saída da estación de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti.

Explicou que a partir de agora os vehículos teñen un novo punto de acceso ás dársenas, o que permite liberar do tránsito de autobuses a rúa Estación, facendo posible mellorar a seguridade viaria do itinerario peonil de conexión coa estación de tren.

Ademais, contribúe a xerar un novo espazo público para o desfrute dos cidadáns, cunha gran praza fronte á entrada principal da estación, na que se reordenan os aparcamentos e desde a que se facilita o acceso á terminal de Renfe, avanzando nesa intermodalidade.
Concretou que o peche do actual ramal de entrada á estación e a apertura do novo acceso se aproveitou para liberar os marcos do encauzamento do río Gafos e destapalo, gañando un novo espazo público de gran valor ambiental para a cidade de Pontevedra.
Adiantou que nas vindeiras semanas os traballos se centrarán neste ámbito, ademais de concluír outras cuestións pendentes como o peche lonxitudinal ou a pavimentación das dársenas.

Detallou que aínda que estas obras veñen afrontando imprevistos como a pandemia ou a actual crise dos materiais, o deber da Xunta é buscar solucións, tal como está facendo, avanzando coa apertura do novo acceso á estación desde a avenida Josefina Arruti.
Puxo en valor a aposta do Goberno galego polo transporte público, con infraestruturas como esta, pero tamén con máis e mellores servizos de autobús.

A este respecto, lembrou que o pasado ano a Xunta renovou as liñas de transporte público que dan servizo a esta cidade e a esta comarca e activou a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden desprazarse gratis entre os 313 concellos galegos.
Avanzou que agora se dá un paso máis e grazas aos convenios asinados entre a Xunta e o Concello, esas liñas van reforzarse con novos itinerarios e tarifas máis atractivas a partir do vindeiro mes de outubro.

Remarcou que o Executivo autonómico segue a traballar para mellorar a calidade de vida dos cidadáns en Pontevedra a través do impulso doutros proxectos como o novo hospital público de Montecelo ou o saneamento da ría.
 

Imaxes relacionadas