A exposición 'As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia' pode visitarse en Lugo desde mañá ata o 29 de setembro

A mostra organizada pola Xunta de Galicia é unha homenaxe ás mulleres galegas que abriron camiño nos eidos do xornalismo e da comunicación desde Galicia e outras partes do mundo

A sala de exposicións da delegación territorial da Xunta en Lugo acolle esta mirada pola historia e a memoria feminista, que se poderá visitar de dez da mañá a oito da tarde e de luns a venres

Conmemóranse as biografías de mulleres pioneiras como a crítica literaria e escritora Concha Castroviejo, a articulista e poeta Avelina Valladares, a poeta Filomena Dato, a escritora Emilia Pardo Bazán ou a mestra e xornalista Mercedes Vieito, entre outras

A Xunta persegue con esta iniciativa que toda a sociedade, en especial a mocidade, coñeza esta parte da historia de Galicia e da loita pola igualdade de xénero e a súa contribución á modernización social, cultural e política da Comunidade

Lugo, 1 de setembro de 2021

A mostra As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia, organizada pola Consellería de Emprego e Igualdade poderá visitarse desde mañá ata o vindeiro 29 de setembro na sala de exposicións da delegación territorial da Xunta en Lugo cun horario de dez a oito da tarde, de luns a venres.

A exposición ofrece unha viaxe pola memoria de aquelas mulleres que loitaron pola igualdade de os eidos do xornalismo e da comunicación, sendo mulleres pioneiras nos medios onde traballaron nunhas épocas onde a presenza feminina detrás da pluma, a máquina de escribir ou o micrófono dun medio de comunicación era moi escasa.

Esta mostra é promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade para outorgarlle a debida atención a xornalistas, escritoras, poetas e demais mulleres galegas comprometidas coa xustiza e a equidade laboral nunha viaxe a través das vidas de doce mulleres onde se da conta da biografía e experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.

Nesta mirada feminista, comprometida coa historia ata os nosos días, o público visitante poderá coñecer a traxectoria de profesionais como a xornalista Concepción Arenal; as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a correspondente de guerra Sofía Casanova; María Luz Morales, primeira muller directora dun xornal en España; a articulista e poetisa Avelina Valladares; a crítica literaria e escritora Concha Castroviejo; a escritora María Vinyals; a chamada raíña do folletín, Virginia Felicia; Mercedes Vieito, mestra e xornalista cubana nada de pais emigrantes galegos ou Emilia Pardo Bazán, xornalista e escritora, cuxos artigos súmanse á selección do resto de autoras.

Na colección amósanse, de xeito visual e didáctico, aspectos variados das súas vivencias, vidas de mulleres marcadas polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a creación vizosa e o traballo a prol da igualdade.

O Goberno galego procura con esta iniciativa facer partícipe, a través da cultura e coñecemento da nosa historia, á sociedade e, en especial, á mocidade, dos inicios na loita pola igualdade. Así mesmo, con esta mostra preténdese recoñecer o rol das mulleres referentes na profesión xornalística galega e as súas achegas á modernización política, social e cultural a través das súas voces e das súas mans.