O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou na inauguración da xornada da USC sobre Teledetección próxima terrestre para aplicacións forestais

A Xunta destaca que o inventario forestal continuo permitirá tomar decisións que contribuirán a consolidar un sector clave para o rural galego

José Luis Chan referiuse ao Inventario como unha ferramenta esencial para realizar diagnoses axeitadas que guíen tanto as decisións políticas como as empresariais relacionadas co sector forestal

Lembrou que este instrumento, recollido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, foi recomendado pola Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais

O director xeral resaltou que o 69 % do territorio galego é forestal e que a nosa comunidade aglutina máis da metade das cortas de madeira do Estado

Lugo, 1 de setembro de 2021

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, destacou hoxe que o Inventario forestal continuo permitirá realizar diagnoses axeitadas que guíen tanto as decisións políticas como as empresariais relacionadas co sector forestal, co obxectivo de consolidalo como un dos motores do rural galego. Así o dixo na inauguración da xornada sobre Teledetección próxima terrestre para aplicacións forestais que se desenvolverá ata o venres na Escola Politécnica Superior de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Na súa intervención, o director xeral apuntou que o grupo de traballo do Consello Forestal de Galicia para a elaboración do Plan Forestal afondou na necesidade de dispor de ferramentas precisas que informaran da situación do monte galego e asegurasen unha actualización progresiva das medicións. En 2018, segundo engadiu, o Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais sinalou nunha das súas recomendacións a necesidade de dispor dun sistema de información e estatística forestal de Galicia, para tomar as decisións adecuadas e abordar políticas que realmente se axusten aos problemas específicos do sector forestal.

Poñendo de relevo que o 69 % do territorio galego é forestal e que a nosa comunidade aglutina máis da metade das cortas de madeira do Estado, José Luis Chan aseverou que as novas técnicas en materia de medición, mediante o uso de sistemas baseados en teledetección próxima terrestre, poden achegar un maior nivel de detalle, coñecemento e compresión da realidade do monte galego. Un camiño cara ao que tamén avanza -dixo- o Inventario forestal continuo, no que a Xunta traballa da man das universidades de Santiago e Vigo, ás que agradeceu o seu esforzo no proxecto.

Nesa liña, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal avogou por un monte innovador e dixitalizado, á vez que ordenado e xestionado activamente, ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Deste xeito, a maiores de ao Inventario para o seguimento do propio Plan, Chan referiuse tamén ao Mapa de usos agroforestais que permitirá a elaboración do Catálogo oficial dos solos rústicos de protección forestal e agropecuaria, recollido na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural