A Xunta recibe 11 ofertas para executar as obras de mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais do núcleo da Derrasa, no Pereiro de Aguiar

Os traballos, licitados por máis de 500.000 euros e cun prazo de execución de 4 meses, teñen como obxectivo renovar estas infraestruturas hidráulicas

A Consellería de Infraestruturas cofinanciará as obras nun 80%, cun investimento de case 402.000 €, e o Concello contribuirá co 20%, achegando máis de 100.000 €

As obras incluirán a disposición de novas canalizacións en ambas as marxes da estrada autonómica OU-536

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de modo eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 11 ofertas para executar as obras de mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais do núcleo da Derrasa, no concello do Pereiro de Aguiar.

As actuacións obxecto deste contrato, licitado por un investimento de máis de 502.000 euros, comprenden a renovación das infraestruturas hidráulicas neste núcleo de poboación, coa fin de aumentar a eficiencia destes servizos de competencia municipal.

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración do departamento que preside Ethel Vázquez e o Concello do Pereiro de Aguiar, polo que a Xunta investirá máis 402.000 euros, un 80% do orzamento, achegando a entidade local 100.000 euros, o 20% restante.
A intervención, que conta cun prazo de execución de 4 meses, será financiada no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19.
Os traballos proxectados incluirán a disposición de novas canalizacións en ambas as marxes da estrada OU-536. Á altura do punto quilométrico 7+940 está previsto que as redes crucen a estrada autonómica para conectar os colectores das dúas marxes.

O destino final da rede de residuais é a depuradora da Derrasa e as pluviais derívanse a unha zona próxima, no río Lonia.

As obras darán servizo a unha poboación de 460 habitantes para o ano horizonte 2043.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de modo eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.