A Xunta atendeu máis de 4.562 consultas desde o punto de atención administrativa covid da Coruña

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o servizo instalado na xefatura territorial de Sanidade en Durán Loriga

Os cidadáns poden acudir a estas dependencias para solicitar a impresión dos certificados de vacinación, de probas diagnósticas ou enfermidade superada

A Coruña, 1 de setembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu hoxe ao punto de expedición de certificados covid e xestión da Chave365 situado na xefatura territorial de Sanidade e que atendeu desde a súa posta en marcha, o 31 de xullo, máis de 4.562 consultas dos cidadás.
En concreto, desde estas dependencias imprimíronse máis 2.400 certificados de vacinación, activáronse máis de 2.000 Chave365 e tramitáronse máis de 90 altas rápidas para persoas con residencia fora da comunidade autónoma.
Neste punto administrativo varios equipos dan servizo á poboación de luns a venres de 08.00 a 20.00 horas e o sábado de 08.00 a 15.00 horas. Os cidadáns teñen aquí acceso inmediato á impresión dos certificados de probas diagnósticas, de vacinación e de enfermidade superada. Tamén contan coa posibilidade de activar o sistema ‘Chave 365' ou a tramitación dunha alta rápida no sistema galego no caso de tratarse de persoas con residencia fora da comunidade.
Trenor destacou a boa acollida deste servizo que permite axilizar e facilitar aos cidadáns os seus trámites administrativos relacionados coa vacinación ou a realización de probas para a detección da infección.
Tamén sinalou a aposta do Goberno galego para adoptar as actuacións precisas co fin de detectar os casos e frear o avance do virus. Nesta liña, apelou ao mantemento das medidas de prevención e puxo como exemplo as levadas a cabo no sector turístico para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, o que permitiu que a comunidade se sitúe en xullo cun 80% máis de viaxeiros que en 2020 e 20 puntos por riba da media nacional en comparación cos viaxeiros recibidos en 2019.

Imaxes relacionadas