Lete Lasa lamenta o pasamento de Fran Teixeira, 'figura indispensable para que o balonmán galego chegara ata onde chegou'

Lembra todos os equipos galegos que pasaron polas súas mans e aos que puido transmitirlle a súa sabedoría como Santa Cristina, Lalín, Mercantil, Teucro, Octavio e Chapela, no que militou nestes últimos 14 anos, e envía unha mensaxe de ánimo a todo o balonmán galego, especialmente aos seus familiares e amigos

Santiago, 31 de agosto de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, lamentou o pasamento do adestrador vigués de balonmán Fran Teixeira, unha “figura indispensable para que o balonmán galego chegara ata onde chegou”. Neste sentido, lembrou todos os equipos galegos que pasaron polas súas mans e aos que puido transmitirlle a súa sabedoría como Santa Cristina, Lalín, Mercantil, Teucro, Octavio e Chapela, no que militou nestes últimos 14 anos, e enviou unha mensaxe de ánimo a todo o balonmán galego, especialmente aos seus familiares e amigos.

Lete Lasa destacou a fortaleza dun home entregado ao balonmán galego que seguiu dirixindo ao seu equipo a pesar da súa enfermidade, e que demostrou a todos e a todas que o deporte pode ser unha das mellores terapias para plantarlle cara a calquera doenza.