Lugo acolle esta semana unha concentración nacional de xadrez de alto nivel co apoio do programa da Xunta 'O Teu Xacobeo'

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou hoxe no acto de benvida ás persoas participantes na iniciativa, promovida pola Escola Luguesa de Xadrez

Lugo, 31 de agosto de 2021

Lugo acolle entre hoxe e o vindeiro domingo, 5 de setembro, unha concentración nacional de alto nivel de xadrez impulsada pola Escola Luguesa de Xadrez co apoio do programa da Xunta de Galicia O Teu Xacobeo, que achega 8.700 euros a esta iniciativa.

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, asistiu no Círculo das Artes ao acto de benvida ás persoas participantes no proxecto Xóvenes Peregrinos, que congrega estes días na capital luguesa aos mellores novos xogadores e xogadoras nacionais, con adestradores de primeira liña mundial, que convivirán cos xadrecistas lucenses.

A programación inclúe exhibicións ao aire libre que se levarán a cabo no casco histórico de Lugo -mañá e o xoves na praza de Santa María e o venres nos xardíns do Museo, todas ás 18.00 horas -, así como en Palas de Rei, onde estarán o domingo na praza do Concello ás 12.00 h.

Arias salientou que os participantes terán a oportunidade de coñecer espazos emblemáticos de Lugo e facer un percorrido polo Camiño de Santiago, o que contribuirá “a espallar os valores do Xacobeo e a riqueza da nosa cultura e patrimonio”.

Imaxes relacionadas