A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá ás familias que están a participar deste programa no centro ourensán

Fabiola García sinala que máis de 800 persoas gozaron este verán dunhas vacacións en familia nas residencias públicas do Carballiño e de Nigrán

Como novidade as familias numerosas, monoparentais, as de acollida e as vítimas de violencia de xénero tiveron prioridade en todas as quendas ofertadas

Aplicáronse medidas de prevención fronte á covid-19 como reducións de aforo e test de antíxenos á chegada dos usuarios ás residencias

O Carballiño (Ourense), 31 de agosto de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, sinalou que máis de 800 persoas gozaron este verán dunhas vacacións en familia nas residencias públicas do Carballiño e de Panxón, en Nigrán. Esta mañá aproveitou a súa visita ao centro ourensán para conversar e coñecer as experiencias dalgunha das familias participantes.

Este programa emblemático tivo que ser suspendido o ano pasado por mor da covid-19. Neste 2021 retomouse con todas as precaucións e con máis facilidades ca nunca para as familias que máis o necesitan: as numerosas, as monoparentais, as de acollida e as vítimas de violencia de xénero. Como novidade todas elas tiveron prioridade en todas as quendas ofertadas.

Así mesmo, Fabiola García fixo fincapé en que os participantes contaron con todas as garantías e medidas de seguridade. Para iso, foi necesario facer reducións de aforo, ofertar a metade de prazas que durante un ano normal, realizar test aos usuarios á súa entrada á residencia e reforzar as medidas hixiénico-sanitarias.

Imaxes relacionadas