A Xunta comeza na estrada PO-221, en Campo Lameiro e Moraña, as obras de reforzo do firme en seis vías autonómicas da provincia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou o inicio dos traballos acompañado polos alcaldes de Campo Lameiro e de Moraña, Carlos Costa e José Cela, respectivamente

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina case 800.000€ a estas actuacións, que benefician a case 175.000 veciños de dez concellos da provincia

A mellora na estrada PO-221 realízase nun treito de máis de oito quilómetros con fresado, reposición da pavimentación e dotación de novas marcas viarias

Aos concellos de Moraña e Campo Lameiro corresponde un investimento de case 160.000€, xa que o proxecto tamén inclúe reforzos de firme na PO-222

Campo Lameiro (Pontevedra), 31 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe as obras de reforzo localizado do firme en seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra, iniciando os traballos na PO-221 ao seu paso polos concellos de Campo Lameiro e Moraña.

Esta actuación enmárcase no proxecto de conservación do firme, corrección do deterioro da calzada e reforzo da seguridade viaria nas estradas PO-214, PO-222, PO-223, PO-233, PO-303 e a citada PO-221 cun investimento de case 800.000 euros que beneficiará aos 175.000 veciños dos dez concellos pontevedreses dos seus respectivos percorridos. En total, a mellora superará os cincuenta quilómetros entre estas seis vías.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, desprazouse esta mañá ata os municipios de Campo Lameiro e Moraña para supervisar o inicio dos traballos acompañado polos seus alcaldes, Carlos Costa e José Cela, respectivamente.

“A Xunta de Galicia vai investir novamente nas estradas da súa titularidade na provincia de Pontevedra para manter a súa calzada nas mellores condicións e favorecer a seguridade viaria co obxectivo de que a rede estea lista para a chegada do próximo inverno”, detallou o representante autonómico, que concretou que o prazo de execución é de catro meses para que a obra estea rematada antes de final de ano.

A mellora na estrada PO-221, a primeira que arranca no marco deste lote, chegará a un treito de máis de 8.000 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 4+340 e 12+400 e consistirá no fresado das zonas deterioradas e a posterior reposición da pavimentación con mistura bituminosa en quente. Finalmente, procederase á dotación de novas marcas viarias horizontais no eixo e nos bordos da calzada.

En conxunto, as intervencións que se realizarán nos concellos de Moraña e Campo Lameiro supoñen un investimento de case 160.000 euros, xa que, a esta obra recentemente iniciada, engadirase posteriormente a mellora do firme da PO-222, entre Campo Lameiro e a parroquia estradense de Codeseda, nun treito de catro quilómetros.

Ademais, as obras de reposición da pavimentación destas seis estradas autonómicas tamén beneficiarán aos concellos pontevedreses de Pontecesures, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Poio, Sanxenxo, Meaño, Cambados e Pontevedra.

Imaxes relacionadas