Na presentación do 'I Trail e Andaina Solidaria camiñando polo Dano Cerebral', esta mañá no Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Gabriel Alén salienta os valores humanos do Camiño

O delegado territorial da Xunta en Ourense subliñou que esta proba, co patrocíneo da Xunta de case 18.000 euros ao amparo do programa ‘O Teu Xacobeo’, supón unha aposta dos valores de igualdade e inclusión

Gabriel Alén manifestou que ‘O teu Xacobeo’, busca a implicación de municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo, descentralizado e cunha programación espallada por todo o territorio galego

Ourense, 31 de agosto de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación do I Trail e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral, que organiza a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e se desenvolverá o vindeiro 12 de setembro da cidade de Ourense.

O delegado territorial da Xunta en Ourense subliñou que esta proba, co patrocíneo da Xunta de case 18.000 euros, ao amparo do programa ‘O Teu Xacobeo’, supón unha aposta dos valores de igualdade e inclusión, así como o impulso das rutas xacobeas da provincia de Ourense e do impacto positivo que teñen na súa contorna.

Gabriel Alén manifestou que ‘O Teu Xacobeo’, busca a implicación de municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo, descentralizado e cunha programación espallada por todo o territorio galego. “Un camiño no que van da man as distintas administracións, Deputación, Concello e Xunta para colaborar nunha actividade solidaria e integradora a prol dos afectados polo dano cerebral adquirido”, sentenciou.

O representante do Goberno galego puxo énfase en que “proxectos como este son o mellor modelo de difusión do Ano Santo, obxectivo principal do programa ‘O Teu Xacobeo’, que no total das 2 edicións promoveu máis de 400 propostas socioculturais en toda Galicia coa finalidade de facer desta celebración do Xacobeo 21-22 a máis ampla da súa historia”.

Trátase dunha celebración, segundo o delegado territorial da Xunta, “máis viva e máis integradora fuxindo de grandes actos multitudinarios e poñendo énfase no Camiño e en toda a súa riqueza cultural e patrimonial, pero tamén nos valores humanos que comporta”.

Imaxes relacionadas