O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade visita o colexio CEIP Flavia, en Padrón, onde se vai acometer unha rehabilitación integral por preto de 1M€

A Xunta inviste este ano máis de 6,5M€ en melloras en centros escolares da comarca de Santiago

A actuación de Padrón enmárcase nun paquete de seis proxectos que se están a licitar na zona, por importe de case 2,9M€

Ademais, este verán estanse acometendo na zona 58 obras, cun orzamento duns 2,8M€
 

Padrón (A Coruña)

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o colexio CEIP Flavia, en Padrón, onde afirmou que este ano o seu departamento realiza un investimento de algo máis de 6,5M€ en 65 actuacións de mellora nos centros educativos da comarca de Santiago de Compostela, entre as que se atopa a rehabilitación integral do colexio Flavia.

Segundo explicou o conselleiro, ademais desta rehabilitación que se acaba de licitar por un importe de case 1M€, a Xunta vén de licitar rehabilitacións similares noutros dous centros da comarca (o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei e o IES Lamas de Abade, ambos na capital compostelá), así como diversas melloras noutros tres máis.

Segundo lembrou, en total en Galicia estanse comprometendo antes de fin de ano 84 obras, cun orzamento de case 40M€, o que reflicte que “desde os departamentos técnicos da Consellería este verán se estivo traballando arreo para a mellora das infraestruturas educativas, o que repercute directamente no confort dos seus usuarios”, das que seis son na área de Santiago, por importe de case 2,9M€. De feito, co obxectivo de renovar as instalacións dos colexios e institutos de cara o curso que está a piques de comezar, en toda Galicia estanse acometendo 557 obras de reforma en centros das catro provincias, cun investimento de 30M€, 58 delas en Santiago e área, cun orzamento de case 2,8M€. Todas estas actuacións estanse levando a cabo de acordo coas directrices establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicos da vindeira década.

Román Rodríguez tamén explicou que, pese a que algunha obra pode verse afectada polo subministro de materiais que se está a dar de xeito xeneralizado en todos os sectores industriais, todas as melloras nos centros educativos están deseñadas e planificadas para que, en ningún caso, incida no normal desenvolvemento do curso escolar.

Mellora da eficiencia enerxética

No caso concreto do CEIP Flavia, as obras que se veñen de licitar por un importe de 915.243 euros e un prazo de execución de cinco meses abranguen a reparación da cuberta do edificio coa substitución do material actual por tella cerámica curva, a rehabilitación da fachada coa limpeza de pedra e aplicación de hidrofugante e a instalación de falso teito con panel acústico.

Así mesmo, procederase á renovación da instalación da calefacción, á substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, á renovación dos aseos e á instalación de zócalo e pintura nas aulas de infantil. Tamén se instalará un novo pararraios así como protectores solares mediante estores na fachada.

Imaxes relacionadas