A Xunta levará a cabo o acondicionamento das instalacións da estación de autobuses da Estrada

Os traballos, adxudicados por máis de 48.000 euros, prevén iniciarse ao longo do mes de setembro co obxectivo de telos finalizados este mesmo ano

Actuarase na cuberta e fachadas da terminal, na instalación eléctrica e na zona da área de estacionamento dos autobuses

Esta intervención cumpre o compromiso adquirido polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, como actuación previa á cesión da actual terminal ao Concello

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

A Xunta levará a cabo actuacións de mellora e de acondicionamento das instalacións da estación de autobuses da Estrada.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou os traballos á empresa Arines Obras y Proyectos, por un investimento autonómico de máis de 48.000 euros. As obras prevén iniciarse ao longo do mes de setembro co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.

As intervencións que se acometerán na estación de autobuses engloban a envolvente do edificio, a cuberta e as fachadas. As obras inclúen tamén melloras na instalación eléctrica e actuacións na zona da área de estacionamento dos autobuses.

Máis en detalle, os traballos comprenden a limpeza a acondicionamento da cuberta, aleiros, canelóns e baixantes do edificio. Tamén se procederá ao desmonte e á retirada da cartelería e os sinais en mal estado, así como á eliminación do óxido nos piares do acceso.

A intervención inclúe, ademais, a revisión e posta a punto da instalación eléctrica do edificio, e a mellora da accesibilidade da zona da área de estacionamento dos autobuses.

Esta actuación responde ao compromiso adquirido polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, de realizar estas obras como paso previo á cesión da actual estación de autobuses ao Concello.

A estación de autobuses da Estrada foi construída no ano 1995 e no ano 2009 habilitouse unha área de estacionamento anexa á terminal. Esta última actuación, permitiu que no edificio se puidesen levar a cabo outras actividades compatibles que excedían do mero uso deste inmoble como estación.

Co obxectivo de destinar as instalacións da terminal a outros usos públicos, o Concello da Estrada solicitou á Xunta a súa reversión.

Unha vez se culminen os trámites da resolución do contrato de explotación do servizo público da estación de autobuses por un lado, e da reversión da estación ao Concello da Estrada polo outro, a Administración local ten previsto levar a cabo obras no edificio para adaptalo aos seus futuros usos.