As obras de conservación na glorieta elevada de Sabón, en Arteixo, farán necesarios cortes de tráfico nas tardes de hoxe e de mañá

Para avanzar nos traballos de pintado da estrutura metálica da glorieta serán precisos cortes na parte superior da rotonda hoxe e mañá, entre as 15 e as 23 horas

A partir do xoves, 2 de setembro, prevese avanzar nos traballos restantes desde fóra da calzada para minimizar a afección ao tráfico

A Xunta segue a traballar na conservación das infraestruturas da área da Coruña e avanza na ampliación da avenida da Deputación, cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

As obras de conservación que está a executar a Xunta na glorieta elevada de Sabón, en Arteixo, farán necesarios cortes de tráfico nas tardes de hoxe e de mañá.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a realizar estes días traballos de pintado da estrutura metálica da glorieta.

Para avanzar nestas tarefas, serán precisos estes peches puntuais de tráfico que se levarán a cabo na parte superior da rotonda hoxe e mañá, no horario comprendido entre as 15 e as 23 horas.

A partir do xoves, 2 de setembro, prevese avanzar nos traballos restantes desde fóra da calzada co obxectivo de minimizar a afección ao tráfico.

A Xunta segue a traballar na mellora e conservación das infraestruturas da área da Coruña, ao tempo que avanza na execución das obras da ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón.

Esta actuación, que consiste no desdobramento dos carrís para gañar fluidez no tráfico, conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 millóns de euros e prevese o seu remate para o próximo verán.