Nunha reunión de coordinación desenvolvida esta mañá na Subdelegación do Goberno

A Xunta e o Goberno Central coordinan as medidas de control das vendimas

O delegado territorial informou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por terceiro ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia

Gabriel Alén subliñou que no ano 2020 os inspectores realizaron o control sobre 4.170 parcelas, que corresponden a un total de 454 viticultores das diferentes denominacións

Unha parte moi importante do control lévase a cabo durante a vendima con fin de verificar a entrada da uva nas adegas, a súa procedencia e a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades de uva de cada DO

Ourense, 31 de agosto de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá nunha xuntanza celebrada na Subdelegación de Goberno co obxecto de coordinar os recursos dos Gobernos central e autonómico para o control do transporte de uva e de mosto en estrada na provincia de Ourense nestas datas de vendima e evitar, así, situacións fraudulentas que se poidan producir coa entrada de uva foránea.

Na reunión tamén participaron o subdelegado de Ourense, Emilio González, responsables da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil, así como responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe existentes na provincia: Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas e establecer criterios de coordinación entre as distintas administracións e consellos reguladores para o control de entrada de uva foránea; e nos que se ven traballando de xeito permanente con intercambio de información.

O delegado territorial informou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por terceiro ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia. Así, o control de parcelas e de rendementos xa empezou nestes días e a parte específica da vendima iniciarase cando esta dea comezo de xeito efectivo, estando prevista para mediados de setembro.

Plan de control da Xunta

O plan de control da Xunta, ao que se destina este ano preto de 200.000 euros, ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe.

Para este control, cóntase cun equipo -idéntico ao do pasado ano- formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con todos os consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).

No ano 2020, os inspectores realizaron o control sobre 4.170 parcelas, que corresponden a un total de 454 viticultores das diferentes denominacións. Durante a presente campaña realizaranse os mesmos controis que na anterior. Así, faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.

Entrada da uva nas adegas

Unha parte moi importante do control lévase a cabo durante a vendima co fin de verificar a entrada da uva nas adegas, a súa procedencia e a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades de uva de cada DO. Tamén se estimará a posible colleita para así ter información detallada e poder cotexar coa produción real que se entrega en adega.

Así mesmo, realizaranse controis terrestres de uva nas proximidades das adegas e nas vías de comunicación na contorna das parcelas de vendima. Tamén se controlarán os centros de acopio ou postos de compra-venda de uva que poidan existir no ámbito xeográfico de actuación, garantindo que estean dados de alta no respectivo consello regulador. Unha vez rematado o período de inspeccións, cos datos recollidos realizaranse informes técnicos, estudos estatísticos e comparativas.

Imaxes relacionadas