A Xunta adxudica a redacción dun estudo de alternativas para acondicionar a estrada PO-546, que une os núcleos urbanos de Marín e de Pontevedra

Este contrato, adxudicado por preto de 17.500 euros, conta con 5 meses de prazo para redactar o documento

O tramo obxecto do estudo é o comprendido entre o inicio da estrada en Pontevedra e a glorieta de acceso ao porto de Marín

O estudo avaliará a dotación dunha senda peonil e ciclista, aparcadoiro disuasorio ou a mellora das paradas de transporte

Esta actuación complementa á que a Xunta impulsa na zona de Estribela, cuxo proxecto se está a ultimar para sometelo a información pública neste mes setembro

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción dun estudo de alternativas para o acondicionamento da estrada PO-546, que une os núcleos urbanos de Marín e de Pontevedra.
Este contrato, adxudicado ao consultor G.O.C. S.A. por un importe de preto de 17.500 euros, conta con 5 meses de prazo para redactar o documento.

Trátase de estudar a viabilidade técnica, económica, ambiental e social de distintas alternativas para mellorar a funcionalidade e a seguridade viaria da estrada autonómica PO-546, co obxectivo de que a mellora da vía poida ser financiada con fondos europeos do programa Next Generation.

Para poder avaliar as alternativas, realizarase un estudo de tráfico global da estrada e da súa contorna, con datos que serán achegados pola Axencia Galega de Infraestruturas. Ademais, o estudo permitirá adiantar a proposta e axilizar a redacción do proxecto construtivo.

Actuacións

O tramo obxecto do estudo é o comprendido entre o inicio da estrada en Pontevedra e a glorieta de acceso ao porto de Marín.

En concreto, o estudo avaliará a posibilidade de implantar unha senda peonil e/ou ciclista ao longo da estrada, así como outras opcións de conexión con itinerarios existentes ou proxectados.

No marco deste estudo, tamén se analizará a creación dalgunha zona de aparcadoiro disuasorio ou a mellora das paradas de transporte público.

Ademais, proporanse medidas adicionais de mellora da seguridade viaria, accesibilidade e integración urbana para a estrada.

Esta actuación complementa á que a Xunta impulsa nesta mesma estrada na zona de Estribela. Na actualidade, a Axencia Galega de Infraestruturas está a ultimar o proxecto para sometelo a información pública neste mes de setembro e poder, a continuación, licitar as obras.