A Xunta formará dende mañá unha ducia de persoas no CFEA de Sergude sobre cultivos de outono e de inverno na horta ecolóxica

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a acción abarcará dende a programación das plantacións ata a comercialización dos produtos resultantes

Este curso veu precedido doutro centrado nos cultivos de verán na horta ecolóxica, que finalizou hai un mes no propio CFEA

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dende mañá no Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) de Sergude un curso sobre cultivos de outono e de inverno na horta ecolóxica. A acción, na que participarán unha ducia de persoas, abarcará dende a programación das plantacións ata a comercialización dos produtos resultantes.

Cunha duración de 46 horas que se impartirán en 11 xornadas deica o vindeiro 6 de outubro, o curso tratará contidos como as especies e variedades de cultivos hortícolas de outono e de inverno e a planificación da súa plantación. Ao tempo, tamén se abordará a preparación do terreo, as infraestruturas de apoio ao cultivo ou como se debe facer o seu seguimento.

Así mesmo, os participantes coñecerán as distintas pragas e enfermidades que poden afectar a súa horta ecolóxica e diversas estratexias para controlalas. Por último, instruirase os alumnos na colleita e na comercialización de produtos hortícolas ecolóxicos.

Cómpre apuntar que este curso do CFEA de Sergude veu precedido doutro centrado nos cultivos de verán na horta ecolóxica, que finalizou hai un mes no propio centro de Boqueixón. Neste caso, acadouse a quincena de participantes.

A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector hortícola neste caso e do sector agrícola e forestal en xeral, tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.