A Xunta organiza un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de ovino-cabrún no concello coruñés de San Sadurniño

Esta iniciativa ten previsto celebrarse a partir do vindeiro luns e contará cunha duración total de 25 horas

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a formación ten como obxectivo incrementar o nivel de profesionalización do sector ovino-cabrún galego
 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de ovino-cabrún en San Sadurniño. Desenvolveríase dende o vindeiro luns 6 ata o venres 10 de setembro na casa da cultura deste concello coruñés en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Esta iniciativa está dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente ou con expectativa de incorporación aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como aos mozos e mozas do rural galego interesados neste eido.
Ao longo das 25 horas, o curso afondará en diversos temas como a situación actual do sector, a alimentación destes rumiantes e os seus requirimentos, así como o manexo e implantación de pradeiras ou as axudas básicas ás que poden acceder os gandeiros. Ademais, a acción formativa tamén contará cunha visita a unha gandaría da zona para a posta en práctica dos coñecementos adquiridos previamente.
Deste xeito, o obxectivo principal do curso é incrementar o nivel de profesionalización do sector ovino-cabrún galego. Para iso, os docentes analizarán as carencias dos titulares e potenciais titulares deste tipo de explotacións gandeiras que asistan á formación, elaborando un plan de mellora individual para cada alumno.
Os interesados en participar nesta acción formativa deberán cubrir o correspondente formulario de solicitude que poden atopar no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas e remitilo por correo electrónico ao enderezo: alejandro.martinez.verez@xunta.gal. Para máis información, poden chamar ao teléfono 981 337 044.
A Consellería do Medio Rural, a través de entidades como Agacal, aposta por dar cabida ás necesidades formativas do medio rural. É por iso que cursos coma este pretenden facilitar ao sector agropecuario unha oferta formativa que impulse a súa sustentabilidade e competitividade.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.