A Xunta destina máis de 1,5 millóns de euros para sistemas multimedia de xestión de quendas nos centros sanitarios

Ábrese a licitación para que as empresas poidan presentar as súas ofertas para o subministro, configuración, posta en marcha e instalación de 150 puntos de información multimedia e 600 pantallas de visualización

Este contrato forma parte dun proceso completo de actualización da plataforma TIC da sanidade pública galega para o que os Orzamentos de 2021 incorporaron partidas por 18 millóns de euros

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de licitar a contratación para a subministración, configuración, posta en marcha e instalación de puntos de información multimedia e pantallas de visualización para sistemas multimedia de xestión de quendas e esperas (SMGTE) para centros sanitarios. O orzamento previsto para esta contratación é de 1.556.345 euros.
En concreto, o obxecto desta licitación son 150 puntos de información multimedia e 600 pantallas de visualización, pasando a ter instalado este sistema en 75 novos centros. Tras a pandemia xerada pola covid, quedou demostrado que se deben regular os aforos en interiores, polo que o SMGTE, é unha peza chave no funcionamento dos fluxos dos pacientes nas salas de espera.
Cos SMGTE protocolízase a circulación dos usuarios que acoden aos centros sanitarios, optimízase a xestión das consultas e facilita a información ao paciente relativa á súa quenda para o acceso aos servizos sanitarios, garantindo en todo momento a súa privacidade. A través deste sistema, regularase que o paciente chegue á súa hora á sala de espera e evitar así as masificacións na salas, dado que non poderá sacar a súa quenda ata a hora da súa consulta.
Esta licitación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o día 27 de setembro. Toda a información relativa a esta contratación, pode consultarse na seguinte ligazón:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=802866&lang=gl

Renovación da plataforma TIC sanitaria

Este contrato forma parte dun proceso completo de actualización da plataforma TIC da sanidade pública galega. Os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2021 incorporaron partidas por 18 millóns de euros no seu capítulo de investimentos para un novo programa de actualización do hardware que sustenta os sistemas informáticos están a permitir importantes melloras asistenciais.
A sanidade galega conta con nove grandes centros de procesos de datos, ten máis de 200 aplicacións informáticas diferentes despregadas nas súas infraestruturas, xa almacena máis de 2 petabytes de información e xestiona máis de 24.000 ordenadores, 2.200 servidores ou 5.300 equipos de comunicación. Cada minuto xéranse 2.000 imaxes dixitais para o diagnóstico clínico, dispénsanse 600 receitas ou xestiónanse 370 consultas clínicas.
O Servizo Galego de Saúde necesita renovar a infraestrutura tecnolóxica para asegurar o soporte desta actividade e tamén para ampliar as súas capacidades para despregar os novos proxectos TIC que a organización sanitaria precisa. Ademais, esta renovación deberá levarse a cabo respectando os principios de sustentabilidade, cun uso eficiente dos recursos computacionais, minimizando o impacto ambiental, maximizando a súa viabilidade económica e garantindo a responsabilidade social.