O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias supervisou os traballos realizados na zona, ao abeiro do Plan de pastos de Galicia

A Xunta acondiciona un pasteiro de 88 hectáreas en Sarreaus cun investimento de máis de 392.000 euros

Realizáronse traballos de roza na zona, así como de preparación do terreo, de aboado e de sementeira, incluíndo o acondicionamento necesario, a implantación de peches e outros labores como a construción dun galpón e a colocación de pasos canadenses

José Balseiros destacou que a iniciativa busca facilitarlles máis base territorial ás explotacións e, ao tempo, acadar unha anticipación aos incendios forestais, creando descontinuidades no territorio que funcionan de devasa natural fronte ao lume

Sarreaus (Ourense), 30 de agosto de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, desprazouse hoxe ata Sarreaus para supervisar os traballos realizados nun pasteiro desta localidade ourensá. Os labores leváronse a cabo no monte veciñal en man común de Ameá, na parroquia de Codosedo, e permitiron habilitar un terreo de 88 hectáreas, cun investimento total de 392.620 euros, ao abeiro da primeira fase do Plan de pastos de Galicia.
Neste caso realizáronse traballos de roza na zona, así como de preparación do terreo, de aboado e de sementeira, incluíndo o acondicionamento necesario, a implantación de peches e outros labores como a construción dun galpón e a colocación de tres pasos canadenses.
O obxectivo desta iniciativa é dobre, tal e como explicou o director xeral. Por un lado, trátase de promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural (neste caso, facilítase maior base territorial para a gandaría extensiva na comarca da Limia). Por outro lado, búscase unha eficaz anticipación ao problema dos incendios forestais, creando descontinuidades no territorio que funcionan de devasa natural fronte ao lume.
Nesta visita, o director xeral destacou que na primeira fase do Plan de pastos de Galicia se investiu máis dun millón de euros na provincia de Ourense, para executar seis pastos noutros tantos concellos dunhas 170 hectáreas en total. De cara á segunda fase, engadiu, están programados 10 pasteiros nos concellos da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso, O Irixo e Bande, abranguendo case 530 hectáreas e un presuposto de case 1,2 millóns.
De xeito resumido, José Balseiros sinalou que o Plan de pastos recolle ata catro fases de execución, coas que está previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas en toda Galicia, cun investimento global de arredor de 9,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas