A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de Toén para revisar as obras que se realizaron nos últimos meses

A Xunta ultima os preparativos de cara ao inicio do curso escolar 2021-22 nas escolas infantís públicas autonómicas

O vindeiro luns 6 de setembro dará comezo o novo curso nos centros públicos no que máis de 8000 nenas e nenos de 0 a 3 anos asistirán a unha escola infantil da rede pública autonómica

O pasado ano estes centros demostraron ser espazos seguros fronte á covid-19, xa que o 99% estiveron abertos coa maior normalidade

O Goberno galego adaptou o protocolo actual ao novo escenario que estamos a vivir

Toén (Ourense), 30 de agosto de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, destacou esta mañá na súa visita á escola infantil de Toén que a Xunta de Galicia está a ultimar os preparativos de cara o inicio do curso escolar 2021-22 en todos centros públicos de titularidade autonómica. O vindeiro luns 6 de setembro dará comezo o novo curso nestes centros, no que máis de 8000 nenas e nenos de 0 a 3 anos asistirán a unha escola infantil da rede pública autonómica.

Fabiola García, que visitou este centro para revisar as obras realizadas de cara o inicio de curso, recordou que o pasado ano as escolas infantís demostraron ser espazos seguros fronte ao virus xa que o 99% estiveron abertos coa maior normalidade.

Co obxectivo de continuar garantindo esta normalidade e seguir prestándolles ás familias un servizo de conciliación fundamental, o Goberno galego adaptou o protocolo actual ao novo escenario que estamos a vivir, no que a maior parte da poboación xa está vacinada e no que o coñecemento sobre o virus é maior.

Entre as novidades deste protocolo atópase a posibilidade de deixar o carriño dentro da escola, que os máis pequenos poidan empregar o calzado que traen da casa ou que poidan coincidir varias unidades estables de convivencia no exterior. Ademais, hai outras medidas que se manterán como a ventilación de espazos, a desinfección de mans ou o uso máscaras para os profesionais.

Melloras neste centro

Así mesmo, a conselleira de Política Social destacou que a Administración autonómica acometeu nos últimos meses varias actuacións na escola infantil de Toén por un importe de 13.000 euros. Deste xeito, reparouse a cuberta, colocáronse ventás de seguridade, novo pavimento e proteccións de esquinas e columnas.

Imaxes relacionadas