A Xunta inicia as obras de mellora de 9,4 quilómetros da estrada LU-231 entre Friol e Palas de Rei

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o comezo dos traballos á altura do acceso a Castrelo, no municipio de Palas de Rei

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina 2,8 millóns de euros a esta actuación, que ten un prazo de execución de doce meses

Arias lembrou que a Administración galega mellorará esta vía en dúas fases e a segunda xa conta co proxecto redactado e en fase de supervisión

Palas de Rei (Lugo), 30 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a primeira fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231 entre Friol e Palas de Rei, ás que destina un orzamento de 2,8 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o comezo das actuacións á altura do acceso a Castrelo, no municipio de Palas de Rei. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

As obras céntranse no acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo.

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto recolle melloras do trazado, suavizando as curvas de menor radio. Cabe salientar que se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten prevista a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar, xunto coa estrada provincial LU-P-1611, un eixo norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas