A Xunta organiza dous obradoiros sobre xestión de solos agrícolas en Monforte de Lemos

A celebración de ambas accións formativas está prevista para o vindeiro luns, día 6 de setembro, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos

Un dos talleres -en horario de mañá- versará sobre a determinación de textura e pH do solo de labor e o outro -pola tarde- arredor da erosión, a escorrenta e a lixiviación en solos labrados

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza dous obradoiros sobre xestión de solos agrícolas en Monforte de Lemos. Ambos están programados para o vindeiro luns, día 6 de setembro, e desenvolveranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos.

O primeiro dos talleres realizarase en horario de mañá (entre as 10:00 e as 14:00 horas) e tratará sobre a determinación de textura e pH do solo de labor. Mediante este obradoiro preténdese que o alumno sexa quen de coñecer e interpretar as características básicas do solo, co fin de optimizar ou enfocar adecuadamente os traballos profesionais desenvolvidos sobre eles. Ten especial importancia para coñecer a solubilidade dos nutrintes e que poidan estar dispoñibles para o cultivo.

O segundo obradoiro desenvolverase pola tarde, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Tratará arredor da determinación da erosión, escorrenta e lixiviación en solos labrados. O seu obxectivo é representar diferentes solos agrícolas e simular o seu comportamento ante as precipitacións en función de aspectos como a textura do solo, a presencia ou ausencia de cobertura vexetal e a inclinación do terreo. Tamén se pretende exemplificar os procesos de lixiviación de contaminantes a través de diferentes perfís de solo, facendo simulacións de solos de diversas texturas e horizontes.

Ambas accións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Inscrición nos obradoiros

Todos os interesados poderán inscribirse nestes obradoiros cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal ou maria.lourdes.diaz.fernandez@edu.xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 889 103 para máis información.

A través de accións formativas como estas, que se enmarcan no plan de formación continua 2021 da Agacal, a Xunta aposta pola continua profesionalización do sector. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.