A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Louredas no concello de Carnota

Estes traballos desenvólvense nun treito de 2 quilómetros de lonxitude, na parroquia de San Mamede de Carnota, ao seu paso polos lugares da Rateira e As Cruces

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Louredas, no concello de Carnota.

Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de 2 quilómetros de lonxitude, na parroquia de San Mamede de Carnota, ao seu paso polos lugares da Rateira e das Cruces.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Imaxes relacionadas