A Xunta adxudica a redacción do proxecto de construción dunha nova senda na estrada AC-552 no Concello da Laracha

Este contrato, adxudicado por un importe de máis de 17.000 euros, conta cun prazo de 5 meses para redactar o proxecto

Trátase dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada, atravesando as parroquias de Cabovilaño e Lemaio

A senda completará un itinerario peonil continuo ao longo da estrada autonómica

A Xunta está a piques de culminar os itinerarios previstos inicialmente no Plan de sendas da comarca de Bergantiños, que abrangue 11 km de novas sendas e supón un investimento autonómico de 5 M€

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de construción dunha nova senda na estrada AC-552, ao paso polo concello da Laracha.

Este contrato, adxudicado ao consultor SERYE INGENIEROS, S.L. por máis de 17.000 euros, conta cun prazo de 5 meses para redactar o proxecto.

Trátase dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 23+410 a 25+630, atravesando as parroquias de Cabovilaño e Lemaio.
Esta senda ten como obxectivo completar un itinerario peonil continuo ao longo da estrada AC-552, considerando as beirarrúas nas travesías e as sendas executadas pola Xunta nos últimos anos.

O Goberno galego continúa traballando na mellora da accesibilidade e da mobilidade peonil na comarca de Bergantiños. Para isto, a Consellería de Infraestruturas está a piques de rematar a última das actuacións previstas inicialmente no Plan de Sendas de Galicia nesta comarca.

Cómpre lembrar que o Plan de sendas na bisbarra de Bergantiños prevé un investimento autonómico de 5 millóns de euros para poñer á disposición dos veciños 11 quilómetros de novas sendas en estradas autonómicas.