A Xunta de Galicia emitiu xa máis de 1,7 millóns de certificados covid para cidadanía

Os puntos de realización de tests de antíxenos instalados nos 14 distritos sanitarios realizaron a proba a 26.451 persoas, detectando 303 casos positivos

As oficinas de farmacia integraron nos rexistros da Xunta o resultado das probas de autotest dun total de 32.134 persoas, das que 438 tiveron un resultado positivo
 

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia afronta a nova onda da covid con solucións innovadoras axustadas á situación epidemiolóxica actual. Entre o conxunto de novas medidas adoptadas destacan a instalación de puntos de test de antíxenos nos distintos distritos sanitarios, ou o sistema de rexistro dos resultados dos autotest nas oficinas de farmacia. Estas e outras medidas teñen permitido equilibrar mellor a protección da saúde coa continuidade da actividade económica.
En primeiro lugar, a Xunta habilitou a emisión do certificado COVID a través de varias vías: fundamentalmente a app Sergas móbil, os puntos administrativos instalados polas distintas áreas sanitarias fora dos centros de saúde, as oficinas de farmacia ou a liña 900400116, na que se pode tamén solicitar a emisión de certificados de vacinación con envío por sms.
Ata o día de hoxe, a Xunta de Galicia ten emitido un total de 1.711.693 certificados COVID. Deles, un total de 1.649.118 foron certificados de vacinación, uns 38.442 foron certificados de resultado de proba diagnóstica e outros 24.133 se trataron de certificados de ter superado a enfermidade.
En segundo lugar, a Xunta de Galicia ten organizado a través das áreas sanitarias a realización de tests de antíxenos de xeito gratuíto en puntos situados nos 14 distritos sanitarios. Ata o día de hoxe, estes puntos realizaron tests a un total de 26.451 persoas, que permitiron localizar a 303 persoas con resultado positivo.
E en terceiro lugar, tras aprobarse por parte do Goberno de España a venda de autotest nas oficinas de farmacia, a Xunta de Galicia asinou, co obxectivo de evitar unha maior carga asistencial na atención primaria, un acordo entre cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde. Ata o día de hoxe, as oficinas de farmacia rexistraron os resultados das probas dun total de 32.134 persoas, que permitiron localizar a 438 persoas con resultado positivo.

Imaxes relacionadas