A Xunta remata as obras na Ponte de Valdriz e na súa contorna, nas que investiu 870.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, subliñou a importante mellora que supón a ampliación da estrutura, que pasa de 6 a 10,5 metros, e a creación da senda peonil e ciclista na LU-621

A actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade supuso tamén a construción dunha rotonda para mellorar o tráfico no entorno da urbanización de Valdriz

Láncara (Lugo), 28 de agosto de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou a finais desta semana as obras da nova ponte de Valdriz, en Láncara, que tamén implicaron a construción dunha rotonda para xestionar a circulación da LU-621 e a creación dunha senda peonil e ciclista desde o último tramo de beirarrúas da Pobra de San Xiao ata a nova rotonda de acceso a Valdriz.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou esta semana a zona para comprobar o remate das obras que supoñen unha importante mellora para Láncara, ao tempo que chamou a atención sobre o gran traballo executado pola Axencia de Infraestruturas Galega, que cumpriu co prazo anunciado para o remate dunhas actuacións nas que a Xunta investiu 870.000 euros, tendo en conta o investimento necesario no retranqueo e soterramento da liña de evacuación hidroeléctrica de Valdriz, como paso previo necesario para a ampliación da ponte.
Javier Arias lembrou que a intervención nesta infraestrutura foi a obra máis complexa de todo este proxecto, que permitiu a ampliación da ponte, pasando dos 6 metros de ancho aos 10,5 metros, e que tamén precisou de importantes traballos de movementos de terras e de microvoaduras controladas en todo o trazado.
Todos estes traballos precisaron da escavación de máis de 15.000 metros cúbicos e do emprego de máis de 1.000 toneladas de mestura asfáltica, o que dá unha idea da envergadura da actuación.
O delegado territorial destacou que a obra na ponte redunda nunha maior seguridade para o tráfico rodado nun cruzamento bastante perigoso. De feito, na execución destes traballos levouse a cabo unha pequena rectificación do trazado para que a entrada á ponte sexa desde agora máis segura.
Xunto á ampliación da ponte, a intervención global implicou a construción dunha rotonda para mellorar o tráfico no contorno da urbanización de Valdriz, ademais dunha senda de preto de medio quilómetro que discorre pola marxe esquerda entre este punto e o inicio das beirarrúas da Pobra de San Xiao.
Arias lembrou que esta actuación forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Lugo, que constrúe itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, para reforzar a seguridade dos usuarios das estradas e promover unha mobilidade máis saudable e sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Imaxes relacionadas