A Xunta de Galicia acomete a rehabilitación integral e enerxética do CEIP Pío Cabanillas de Dozón cun investimento de 313.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Adolfo Campos, supervisa os traballos, que avanzan segundo o cronograma previsto co obxectivo de rematalos no que resta de ano

A actuación, enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, inclúe o cambio de todas as cubertas e a renovación completa das instalacións eléctricas, a iluminación e a rede de fontanaría

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa está a actuar este verán en oito centros educativos públicos de Deza e Tabeirós-Montes cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros

Dozón, 27 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a acometer na actualidade as obras de rehabilitación integral e enerxética do CEIP Pío Cabanillas Gallas, no Concello de Dozón, cun investimento de 313.000 euros para adaptalo ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Dozón, Adolfo Campos, e do xefe territorial de Educación, César Pérez, acudiu este mediodía ata este colexio público para supervisar os traballos, que comezaron hai algunhas semanas e avanzan segundo o cronograma previsto co obxectivo de telos rematados no que resta de ano.

“Creo que estamos ante unha obra importante, que responde a unha demanda cursada polo alcalde de Dozón e que dende a Xunta estimamos necesaria para mellorar a confortabilidade da comunidade educativa e a eficiencia dun edificio que ten varias décadas de antigüidade e que vai quedar en óptimas condicións”, detallou o representante autonómico.

A actuación, que responde ás directrices deseñadas polo departamento autonómico para converter os centros educativos en espazos polivalentes, multifuncionais e seguros, inclúe o cambio de todas as cubertas, que é a parte da obra que se está a acometer nestes momentos, a renovación completa das instalacións eléctricas, a iluminación e a rede de fontanaría, a dotación de falsos teitos e o cambio de baixantes e canalóns.

Ao longo deste verán, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a realizar melloras de gran calado en ata oito centros educativos públicos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros. Así, á obra no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón, hai que engadir as actuacións que se están a realizar no colexio público de Figueiroa e no Xoaquín Loriga de Prado, con senllas rehabilitacións integrais, e nos doutros dous colexios do rural de Lalín e nos tres centros educativos do Concello de Silleda.

Imaxes relacionadas