Fernández-Tapias presenta a Xacobeo Wild Race, a carreira que enfrontará aos atletas vigueses a 8 quilómetros de desafíos naturais en San Miguel de Oia

A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou o apoio da Xunta a este evento deportivo multidisciplinar e intimamente vencellado ao Camiño Portugués da Costa

Un festival do que sinalou fomenta a solidariedade e a sustentabilidade cultural, social e medioambiental, transcendendo así ao ámbito exclusivamente deportivo

Indicou que a contribución do Goberno galego servirá para apuntalar este certame como unha das citas referentes da axenda estival viguesa e da ruta xacobea

Vigo, 27 de agosto de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe a Xacobeo Wild Race, a carreira de máis de 35 obstáculos que o vindeiro 5 de setembro enfrontará aos e ás atletas viguesas a 8 quilómetros de desafíos naturais no Parque Forestal de San Miguel de Oia.
Un evento que ten a peculiaridade, tal e como apuntou a representante autonómica, de por en valor unha das rutas primixenias do Camiño de Santiago como o é o Camiño Portugués da Costa. Segundo destacou, a competición está intimamente vencellada á ruta xacobea e aos valores que a diario levan a milleiros de peregrinos a percorrela.
Un festival que no seu conxunto, fomenta a solidariedade e a sustentabilidade cultural, social e medioambietal, cun énfases especial na igualdade de xénero a través da formación de equipos femininos e potenciando o traballo en equipo das atletas, das que Fernández-Tapias, dixo, “poden presumir dos mellores resultados a nivel nacional e internacional en diversas disciplinas”.
A delegada territorial, quen agradeceu á organización do “Festival The Wild” que apostase por recuperar por segundo ano e na súa terceira edición a Xacobeo Wild Race, acentuou que a contribución do Goberno galego servirá para apuntalar este certame como unha das citas referentes da axenda estival viguesa.
Fernández-Tapias exemplificou nesta proposta a filosofía coa que o Executivo autonómico está a deseñar a programación deste dobre Ano Santo, cunha oferta única e diferenciada, na que teñan cabida iniciativas de toda índole, co obxectivo de chegar a todos e a todas as galegas e a todos e cada un dos recunchos de Galicia.
Un Xacobeo que supón un aliciente nesta saída da crise sanitaria, no que ten cabida calquera disciplina artística, cultural, musical ou deportiva, e o mellor revulsivo para a recuperación turística. A este respecto, a delegada territorial puxo en valor que Galicia siga a mellorar as súas cifras de afluencia turística, cunha evolución que supera en 20 puntos a media nacional e unha clara reactivación das diferentes rutas do Camiño de Santiago e especialmente do Camiño Portugués nas súas dúas vertentes.
Neste senso, a representante autonómica insistiu en que a Xunta segue a traballar para facer deste o mellor Xacobeo de todos os que se recordan, cunha potente programación de cara ao 2022 na que Vigo xogará un papel fundamental. Un compromiso que xa ten reflexo nos moitos eventos que se teñen respaldado baixo ao paraugas do Xacobeo 21-22 como é o caso do Europe de Snipe, a Ruta do Cabaleiro das Cunchas, a Ruta Iacobus Maris que terá lugar o vindeiro ano, o Rally Rías Baixas ou o Festival do Marisquiño, entre outros moitos.
O Xacobeo Wild Race adaptará o percorrido dos 8 quilómetros planificando aqueles que supoñan unha sorpresa e un auténtico reto para os atletas, co selo diferenciador da inclusión de probas e obstáculos adaptados de outras disciplinas coma o CrossTraining, Strongman, Escalada-Bulder, Parkour ou Paleotraining facendo a competición máis completa e espectacular.

Imaxes relacionadas