O novo GES de Maceda xa está operativo tras rematar o proceso de selección dos seus efectivos

Os 12 integrantes do GES xa remataron a súa formación na AGASP, polo que o grupo poderá comezar a funcionar para atender as incidencias dos concellos de Maceda, Xunqueira de Espadanedo, Baños de Molgas, Esgos, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía

Trátase dun dos 6 novos grupos que a Xunta aprobou coas deputacións provincias e a FEGAMP para poñer en marcha este ano na comunidade co obxectivo mellorar e completar o mapa de emerxencias de Galicia

O Goberno galego tamén destinou 32.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental para o acondicionamento das instalacións que acollerá a nova sede do GES de Maceda

Maceda (Ourense), 27 de agosto de 2021

A Xunta aposta pola colaboración cos concellos para garantir unha maior e mellor cobertura das emerxencias en Galicia e, por iso, a comunidade conta con 6 novos grupos, dous deles na provincia de Ourense, con sedes en Maceda e A Veiga. Para que estes grupos poidan funcionar deben impulsar procesos de selección para contratar os novos efectivos, que no caso de Maceda xa rematou e no resto está a piques de finalizar.
O GES de Maceda completou o procedemento despois de adherirse ao convenio de colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as deputacións provincias e levar a cabo a selección dos seus 12 efectivos que xa finalizou coa formación impartida na Academia Galega de Seguridade Pública
Este grupo con sede no concello de Maceda permitirá mellorar os tempos de resposta aos municipios de Maceda, Xunqueira de Espadanedo e Baños de Molgas e, ao mesmo tempo, atender aos concellos de Esgos, Paderne de Allariz e Vilar de Barrio, que ata agora dependían do GES de O Pereiro de Aguiar. Ademais destes concellos, tamén atenderá as incidencias en Xunqueira de Ambía.
A provincia ourensá contará con outro novo GES con sede en A Veiga, que inclúe tamén aos municipios de O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
A Comisión de Seguimento dos GES, da que forman parte a Xunta, as deputacións e a FEGAMP, tamén aprobou crear na provincia de Pontevedra os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela -este último con base en cada un dos dous municipios-, así como o servizo municipal no concello coruñés de Noia que xa leva operativo desde o pasado abril.
Con estas incorporacións a comunidade galega pasa a contar cun total de 29 GES e 4 servizos municipais. A creación dos novos grupos supón un incremento do investimento por parte da Xunta para o seu funcionamento en 300.000 euros, ata acadar os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual.
A Xunta aposta pola colaboración entre administración no ámbito das emerxencias para ofrecer unha atención máis áxil e eficiente aos cidadáns. Por iso, tamén mantén o seu compromiso con estes servizos a través da dotación de equipamento, con máis de 20 millóns de euros cedidos nos últimos anos aos concellos en material para os GES e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), así como coa formación dos seus efectivos desde a AGASP.
No caso do GES de Maceda, a Xunta colaborou ademais co concello en melloras na eficiencia enerxética nas instalacións do servizo de emerxencias e Protección Civil que acollerá a sede do grupo a través dunha axuda de 32.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental.

Imaxes relacionadas