O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro no que se van a investir máis de 650.000€

A Xunta licita a rehabilitación integral do colexio Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago

A actuación conta cun prazo de execución de cinco meses e céntrase na mellora da eficiencia enerxética

Enmárcase no compromiso do Goberno galego para mellorar os centros educativos de toda Galicia, que se traduce na posta en marcha este verán de 557 actuacións cun orzamento de 30M€

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

A Xunta de Galicia vén de licitar a rehabilitación integral do colexio CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago de Compostela. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao centro no que o Goberno galego vai investir máis de 650.000 euros para mellorar e renovar as súas instalacións.

Durante a súa visita, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicoulle ao equipo directivo do centro que esta actuación forma parte do compromiso do Goberno galego para mellorar os centros educativos de toda Galicia. “Este verán, grazas a un investimento de 30M€, puxemos en marcha 557 intervencións nunha mostra de que o sistema educativo non para por vacacións e que seguimos sempre traballando no futuro dos nosos centros”, sinalou.

Nesta liña, Román Rodríguez lembrou que tanto as obras en marcha como as que se van executar no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que cun orzamento de 191M€ ata 2024 ten como obxectivo deseñar edificios educativos post-covid, con espazos máis amplos, máis saudables e máis sustentables desde o punto de vista medioambiental. Así mesmo, afondarase na dixitalización dos centros e na súa formulación como espazos polivalentes a servizo das necesidades da educación do século XXI.

Concretamente, os traballos licitados contan cun prazo de execución de cinco meses e teñen entre os seus principais obxectivos mellorar a eficiencia enerxética do centro.

Así, no transcurso da obra dotarase ao centro dun novo sistema de illamento térmico dispoñendo sobre o forxado pranchas de poliestireno, substituíndo a carpintería exterior por unha de aluminio e instalando novas luminarias. Os traballos contemplan, así mesmo, a retirada dos elementos de cubrición existentes para instalar unha nova cuberta, a dotación dun novo sistema de drenaxe perimetral e a modificación das carpinterías interiores. Con respecto ás outras actuacións, tamén se colocará un novo falso teito, disporase unha nova iluminación nos espazos e porches exteriores, adecuarase o espazo traseiro do edificio de primaria e instalarase un baño adaptado e outro na aula do edificio de Infantil.

Imaxes relacionadas