A Xunta colabora co Concello de Lousame no acondicionamento da pista polideportiva de Vilacoba

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as instalacións que van ser acondicionadas ao abeiro da Orde de Infraestrutura de uso público

O Goberno galego destinou máis de 17.500 euros nesta actuación e leva investidos no concello máis de 1M€ en melloras que redunden no benestar da veciñanza

Lousame (A Coruña), 27 de agosto de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a pista polideportiva de Vilacoba, que se vai acondicionar con apoio da Xunta ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público cunha achega de máis de 17.500 euros.

As actuacións para acondicionar estas instalacións e ofrecer un servizo de calidade á cidadanía van consistir na limpeza da zona, a marcaxe dos campos de balonmán-fútbol sala, baloncesto e tenis, así como a colocación de portarías e postes e rede de tenis.

O Goberno galego inviste este ano 4 millóns de euros na Orde de Infraestruturas de uso pública para financiar proxectos dos concellos galegos relacionados coa creación, ampliación ou reforma das súas infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais. Ademais, este ano a Xunta destinou outros 18.300 euros á prolongación da senda e da rede de sumidoiros en Marracín a cargo do Fondo de Compensación Ambiental, que conta cun orzamento de 11 millóns de euros na convocatoria actual para levar a cabo melloras ambientais nos municipios galegos.

Natalia Prieto lembrou que a Xunta leva investido máis 1 millón de euros no concello de Lousame nos últimos anos, tanto a través da Orde de Infraestruturas de uso público –ca pavimentación de vías públicas, o acondicionamento das prazas do concello ou a posta en marcha e adecuación de varios parques-, como do Fondo de Compensación Ambiental –con diversas actuacións no saneamento e na contorna-, iniciativas todas elas dirixidas a mellorar os servizos municipais.

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración da Xunta coas entidades locais para axudarlles a levar a cabo iniciativas que contribúan á mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Tamén sinalou que a cooperación entre municipios permite compartir servizos e aforrar recursos.

Nesta liña, puxo como exemplo o apoio do Goberno galego para a adquisición de material para a conservación do medio ambiente destinado á Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza-Carnota, á que pertence Lousame. Por exemplo, o ano pasado cunha axuda de 83.600 euros do Fondo de Compensación Ambiental á compra de contedores de recollida de residuos para o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza. O investimento da Xunta no concello en 2020 supera os 115.400 euros e incluíu a través deste fondo reformas no local social de Lesende que Natalia Prieto tamén visitou hoxe e a ampliación do saneamento no núcleo de Filgueira.

Imaxes relacionadas