A Xunta executa obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-445, no treito coincidente co camiño de Santiago a Fisterra, nos concellos de Cee e Corcubión

Os traballos desenvólvense entre os puntos quilométricos 4+500 e 4+820 e consisten na execución dun treito de senda para facilitar os desprazamentos dos peregrinos

O proxecto tamén recolle a instalación de tubaxe baixo o firme, a disposición dunha cuneta revestida de formigón e o reforzo da sinalización

Estas obras, cun investimento de 55.000 euros, están incluídas nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 M€

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

A Xunta está a executar obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-445, no treito coincidente co Camiño de Santiago a Fisterra, ao paso polos concellos de Cee e de Corcubión.
Os traballos, que supoñen un investimento de preto de 55.000 euros, desenvólvense no tramo desta estrada comprendido entre os puntos quilométricos 4+500 e 4+820.
A actuación consiste na execución dun treito de senda, de 2 metros de ancho de solo seleccionado e estabilizado con cemento e un cruzamento, para facilitar os desprazamentos dos peregrinos.
O proxecto tamén recolle a instalación en parte deste tramo de tubaxe baixo o firme, así como a disposición dunha cuneta revestida de formigón.
No marco desta intervención, tamén se reforzará a sinalización horizontal e vertical na estrada, incrementando a presenza de sinais relativos ao Camiño de Santiago.
Cómpre lembrar que a Xunta tamén rematou o mes pasado outras obras de mellora de seguridade nesta mesma estrada, no concello de Corcubión. As actuacións, cun investimento de preto de 17.000 euros, leváronse a cabo na contorna do punto quilométrico 3+830, acometendo unha senda pola marxe esquerda e optimizando a sinalización.
Estas obras están incluídas nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.
O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Imaxes relacionadas