O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe en Tomiño os terreos da comunidade de montes veciñais en man común nos que se asenta a iniciativa, apoiada polo GDR Eurural

A Xunta destaca o carácter pioneiro e exemplar do proxecto silvopastoril das 'Vaquiñas de Pinzás' para xerar actividade rendible e anticiparse aos incendios

A acción -que contou cunha axuda pública de case 150.000 euros- xira arredor da introdución no monte de máis de 30 vacas autóctonas vianesas, a incorporación de tecnoloxía para a xestión do rabaño e o desenvolvemento de programas educativos

José González trasladou que a Consellería tratará de estender este tipo de iniciativas por outras zonas, como mecanismo fundamental de prevención dos lumes pola vía da xeración de valor engadido e da recuperación das razas autóctonas gandeiras

O conselleiro destacou a tripla vertente do proxecto (tecnolóxica, gandeira e socio-educativa) como fórmula acaída para a dinamización do territorio, un enfoque que ligou tamén aos principais obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria

Tomiño (Pontevedra), 27 de agosto de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor o proxecto silvopastoril das “Vaquiñas de Pinzás”, localizado en Tomiño, como exemplo de iniciativa pioneira e que “entronca co aproveitamento da nosa terra desde a tripla vertente de sustentabilidade económica, social e ambiental, buscando a multifuncionalidade, a diversificación e a biodiversidade”. Por iso, o conselleiro trasladou que a Xunta tratará de impulsar proxectos semellantes noutras partes do territorio galego, “como mecanismo fundamental de prevención e anticipación fronte os incendios, pola vía da xeración de valor engadido e tamén pola recuperación das razas autóctonas gandeiras”.

Nesta liña, José González salientou “o papel fundamental que desempeña a gandaría en extensivo”, que a Xunta está impulsando con actuacións como esta e tamén a través do plan de pastos, que vai supoñer nesta lexislatura a mobilización de 2.250 hectáreas de pasteiros en diferentes montes veciñais en man común e con criterios de localización para loitar contra os incendios. Todo isto, cun investimento de máis de 9 millóns de euros.

En concreto, esta iniciativa de silvopastoreo das “Vaquiñas de Pinzás” foi promovida pola comunidade de montes veciñais en man común de Pinzás e contou cunha axuda xestionada pola Xunta de 149.385 euros, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Eurural. O seu eixo principal foi a introdución de gando autóctono nos terreos desta comunidade, concretamente máis de 30 vacas de raza vianesa que pacen ao longo do monte do Cereixo.

A partires deste punto de partida, púxose ademais en marcha un sistema silvopastoril incorporando tecnoloxía para a xestión do rabaño e desenvolvendo programas educativos sobre aspectos ligados á iniciativa, como son a riqueza dos montes galegos e o papel das comunidades veciñais, as razas autóctonas gandeiras, a aplicación das tecnoloxías aplicadas á gandaría ou a prevención dos incendios forestais.

Lei de recuperación

O conselleiro do Medio Rural destacou, precisamente, esta tripla vertente do proxecto (tecnolóxica, gandeira e socio-educativa) como fórmula acaída para a dinamización do territorio, un enfoque que ligou tamén aos principais obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, González sinalou que esta norma persegue poñer en valor a terra agraria impulsando os seus tres usos -agrícola, gandeiro e forestal-, procurando esa sustentabilidade e o fomento da biodiversidade e a multifuncionalidade.

Ademais, o conselleiro salientou outros obxectivos concretos da lei, como son a propia recuperación da terra cunha perspectiva rendible (económica, social e ambiental), a xestión e ordenación do territorio “colocando cada cousa no seu lugar”, e o feito de dar seguridade xurídica e rendibilidade tanto aos propietarios dos predios como aos destinatarios das terras.

Neste sentido, José González, que estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, resaltou ademais o papel tanto dos montes veciñais en man común como dos GDR na dinamización do territorio rural. Sobre os primeiros, destacou que representan o 20% do territorio de Galicia e reiterou o compromiso da Xunta co seu futuro, entre outras medidas a través de axudas para mellorar a súa gobernanza. En relación cos grupos de desenvolvemento rural, o conselleiro lembrou a recente constitución da Mesa de Coordinación destas entidades que, dixo, contribúen de xeito decisivo -como “os nosos ollos no territorio”- a xestionar sobre o terreo os esforzos e os orzamentos das diferentes administracións a prol do rural.

José González rematou trasladando os seus parabéns aos promotores do proxecto e aos responsables do GDR Eurural “por apostar pola recuperación, pola prevención e por aprender facendo, facendo rural e facendo Galicia”. En definitiva, concluíu, facendo Galicia rural.

Imaxes relacionadas