A Xunta apoia a celebración do programa O debuxo é o Camiño

A directora de Turismo de Galicia recibiu hoxe na Praza do Obradoiro ás dibuxantes Maru Godas e Roisín Curé que realizaron o Camiño Inglés ilustrando o seu percorrido

Esta actividade, que terá continuidade o vindeiro mes de outubro cun ciclo de relatorios e obradoiros está incluída na programación do Xacobeo 21-22

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da conselleira delegada do Xacobeo 21-22, do coengo da Catedral de Santiago responsable de Peregrinacións, Segundo Pérez, e do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, recibiu hoxe na praza do Obradoiro ás debuxantes Maru Godas e Roisín Curé, que estes días realizaron o Camiño Inglés para ilustrar as súas contornas dentro do programa O debuxo é o Camiño, incluído dentro da programación do Xacobeo 21-22.

Trátase dun proxecto que para celebrar o Ano Santo e vincular os cadernos de viaxe a Compostela, desenvolveu con estas cadernistas unha experiencia entre o físico e o virtual ao longo desta semana, gravando e retransmitindo en directo polas redes sociais unha serie de vídeos dos debuxos que realizaron en distintos lugares desta ruta xacobea.

A directora de Turismo de Galicia mostrou a súa satisfacción por colaborar nesta iniciativa “que pon en valor na contorna do Camiño de Santiago esta arte tan presente nas guías e publicación relacionadas coas viaxes e que a bo seguro daralle pulo á Ruta Xacobeo e aos seus valores desde unha perspectiva artística”.

Nava Castro tamén lembrou que o primeiro caderno de viaxes na historia do Camiño foi o propio Códice Calixtino, e destacou o impulso que está a tomar a Ruta ao longo deste verán, lembrando que xa se expediron máis de 90.000 Compostelas e que as previsións da Xunta para este ano e que remate coa chegada de 140.000 peregrinos.

O programa O debuxo é o Camiño, completarase con tres xornadas didácticas que se desenvolverán os días 1,2 e 3 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea nas que haberá relatorios e obradoiros de debuxo especializado en viaxes.

Imaxes relacionadas