A Xunta atendeu máis de 1.700 consultas desde o punto de atención administrativa covid de Pontevedra

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o servizo instalado no edificio administrativo do Goberno galego en Benito Corbal

Os cidadáns poden acudir a estas dependencias para solicitar a impresión dos certificados de vacinación, de probas diagnósticas ou enfermidade superada

Pontevedra, 27 de agosto de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao punto de expedición de certificados covid e xestión da Chave365 situado no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal e que atendeu desde a súa posta en marcha máis de 1.700 consultas dos cidadáns. Na visita estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Ramón Gómez.
En concreto, desde estas dependencias imprimíronse máis dun milleiro de certificados de vacinación, 553 de probas diagnósticas e 110 que acreditan ter pasado a enfermidade. Ademais, xestionáronse máis de 500 altas na aplicación E-Saúde.
Neste punto administrativo dous equipos dan servizo á poboación de luns a sábado en horario de mañá e tarde. Os cidadáns teñen aquí acceso inmediato á impresión dos certificados de probas diagnósticas, de vacinación e de enfermidade superada. Tamén contan coa posibilidade de activar o sistema ‘Chave 365' ou a tramitación dunha alta rápida no sistema galego no caso de tratarse de persoas con residencia fóra da comunidade.
A área sanitaria de Pontevedra conta xunto con este punto na cidade de Pontevedra con outros nos concellos de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Marín, Bueu e Caldas de Reis.
Alfonso Rueda destacou a boa acollida deste servizo que permite axilizar e facilitar aos cidadáns os seus trámites administrativos relacionados coa vacinación ou a realización de probas para a detección da infección.
Tamén sinalou a aposta do Goberno galego para adoptar as actuacións precisas co fin de detectar os casos e frear o avance do virus. Nesta liña, apelou ao mantemento das medidas de prevención e puxo como exemplo as levadas a cabo no sector turístico para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, o que permitiu que a comunidade se sitúe en xullo cun 80% máis de viaxeiros que en 2020 e 20 puntos por riba da media nacional en comparación cos viaxeiros recibidos en 2019.

Imaxes relacionadas