O Diario Oficial de Galicia publica o incremento de fondos que permitirá quintuplicar as casas do maior neste ano 2021

O obxectivo é pasar dos 20 centros postos en marcha na actualidade a un total de 100, o que implica aumentar a partida destinada a este fin ata os 6,2 millóns de euros

Esta medida responde ao éxito de solicitudes por parte dos Concellos para a posta en marcha deste servizo de conciliación no rural

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o incremento de fondos para ampliar a orde de axudas das casas do maior e quintuplicar a súa extensión neste ano 2021. En concreto, permitirá pasar dos 20 centros postos en marcha na actualidade a máis de 100. Isto implica aumentar a partida destinada a este fin ata os 6,2 millóns de euros, é dicir, cinco veces máis que na primeira edición do programa.
Este proxecto piloto tivo uns resultados moi satisfactorios, o que levou ao Goberno galego a multiplicar o número de centros. Nun primeiro momento, lanzouse unha convocatoria para abrir 60 novas casas, pero ante o éxito de solicitudes decidiuse ampliar o investimento para poder chegar ao centenar de centros.

Así mesmo, manteranse as novidades marcadas na anterior convocatoria. Deste xeito, elimínase o requisito de que os concellos deben ter menos de 5000 habitantes para estender o servizo a todos aqueles que non teñan no seu termo municipal un centro de día ou similar, aínda que seguirán primando os municipios pequenos. A segunda novidade é que se amplía o perfil de persoas que poden acudir. Xa non será necesario ter un grao I ou II de dependencia, senón que tamén poderán beneficiarse persoas maiores autónomas.

En terceiro lugar, increméntase o servizo que poden prestar as persoas que promoven unha casa do maior para que poidan tamén asumir os desprazamentos das persoas maiores usuarias desde e cara estes centros. Nestes casos, a Xunta ofrece ás promotoras unha axuda de 5 euros por persoa e día.

Axuda para adecuación e mantemento

Dentro desta partida de 6,2 millóns de euros, o Goberno galego ofrece 1,2 millóns para a adecuación das casas, cun límite de 15.000 euros por centro; e 5 millóns de euros para o seu funcionamento diario, con 19.600 euros anuais por cada casa do maior ata o ano 2023.

Ademais, para facilitar a xestión a convocatoria contempla anticipos das axudas. No caso da partida de adecuación, anticípase ata o 80%; e no dos fondos para o seu funcionamento diario, poderá adiantarse ata o 100% durante o primeiro ano e ata o 75% durante os dous seguintes.

Estes centros atenden de forma totalmente gratuíta a un máximo de 5 persoas maiores de 60 anos durante ata oito horas diarias de luns a venres, con flexibilidade horaria e garantías de seguridade e calidade, posto que os seus responsables teñen formación ou experiencia profesional específica.

 

Imaxes relacionadas